Dura sentenza para as asasinas de Secundino, condenadas a máis de 20 anos de prisión
Por Alejandro Espiño
Apenas dez despois de que o xurado popular declarase culpables do asasinato de Secundino Prego ás dúas mulleres acusadas da súa morte, Albertina Táboas e Rocío Gondar, coñeceuse a dura sentenza que pronunciou a maxistrada titular da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra. A ambas se lles condena a máis de 20 anos de prisión e ao pagamento de 80.000 euros como indemnización aos dous fillos da vítima.
En concreto, a xuíza decreta un total de 22 anos de prisión a Albertina Táboas por un delito de asasinato. A pena imposta a Rocío Gondar polos mesmos feitos é lixeiramente inferior, 20 anos e medio de cárcere, ao apreciarse nela a atenuante de confesión e de colaboración coa xustiza para esclarecer todos os detalles do crime.
Tamén se determina que Albertina non poderá residir en Poio nin acudir ao lugar de Chancelas durante 27 anos, a contar tras a súa saída de prisión, un tempo que reduce a 25 anos no caso de Rocío.
A sentenza considera probado que as dúas mulleres "de mutuo acordo" mataron a Secundino entre as 22.15 e as 23.50 horas do 2 de febreiro de 2014, tras asaltar de forma "súbita e inesperada" a vítima no camiño de acceso á súa vivenda de Chancelas, sen que este puidese defenderse.
Golpeárono "repetidamente", máis de 18 veces -tres delas mortais de necesidade- cunha tixola, o seu propio bastón e unha pedra, ata acabar coa súa vida.
Tras iso, as dúas mulleres chamaron ao 112, á Policía Nacional e á Garda Civil finxindo que estaban a ser vítimas dun roubo para tratar así de encubrir o crime.
A maxistrada continúa asegurando que Albertina Táboas, que fora nomeada herdeira universal cinco días antes do crime, "planeou" a morte do ancián para quedar cos seus bens "ante o temor de que puidese revogar o testamento" e que ofreceu unha cantidade de diñeiro a Rocío, aceptado por esta, como recompensa para que lle axudase a matalo.
Con respecto ao testamento, modificado cinco días antes do crime para converter a Albertina Táboas en herdeira universal de todos os bens de Secundino a cambio de coidalo, a titular da Sección Segunda da audiencia pontevedresa decreta a súa nulidade. Segundo a sentenza, a "verdadeira intención" da muller "era soamente herdar os seus bens" e para iso "planeou matar e deu morte" ao ancián.
A sentenza pódese recorrer no prazo de dez días ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os avogados das dúas mulleres xa anunciaron tras a lectura do veredicto do xurado popular que apelarían en contra do futuro fallo xudicial.
Relacionadas:
-
A violencia machista, ante o xurado
Por Redacción |
-
O TSXG rexeita que unha das condenadas polo crime de Chancelas teña un trastorno de personalidade
Por Oskar Viéitez |
-
Unha das acusadas do crime de Chancelas alega trastorno psiquiátrico ante o TSXG
Por Redacción |
-
O crime de Chancelas chega ao TSXG cunha vista de apelación solicitada polas dúas acusadas
Por Redacción |
-
Unanimidade no xurado: Albertina e Rocío mataron a Secundino "de común acordo" pola súa herencia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha "arrepentida" Rocío Gondar reitera que non matou a Secundino soa: "Albertina estuvo pegada a mí en todo momento"
Por Alejandro Espiño |
-
Trece golpes na cabeza, tres deles cunha pedra, mataron a Secundino Prego
Por Alejandro Espiño |