Freo á modificación de crédito anunciada polo goberno municipal
Por Redacción
O goberno municipal terá dificultades para aprobar no Pleno a modificación de crédito que anunciou hai uns días. Toda a oposición rexeita este trámite, polo menos nos termos previstos, e votou en contra dunha operación valorada en 1,8 millóns de euros.
Para o BNG, a oposición ponse de acordo "para derruír e non para construír". Raimundo González sinalou que o rexeitamento a esta modificación de crédito é polas propostas "proactivas" que hai: a compra de dúas parcelas en Mollabao e O Burgo para gañar espazos públicos e a implantación dun sistema de lixo "alternativo a Sogama".
O edil nacionalista entende que "van a ter moito que explicar" porque a adquisición de ambas parcelas "son demandas dos veciños" para crear en Mollabao un gran espazo de lecer cidadá con zonas verdes, equipamentos deportivos e xogos; e no caso do Burgo para permeabilizar a vía interior cara a Xunqueira e acondicionar un espazo público para a veciñanza.
Ademais, incluíanse 400.000 euros eran para adquisición de composteiros individuais e comunitarios e tamén cantidades -estas si aceptadas- para pagar os axustes de prezos das expropiacións de Pasarón e dos novos xulgados, a amortización da débeda e o pago do último prazo da ronda urbana.
Os socialistas presentaron unha emenda, apoiada por Marea e Cidadáns, na que rexeitan o "inadmisible" gasto na compostaxe e na "innecesaria" compra de parcelas e solicitan que, a cambio, se inclúan 500.000 euros para un plan de reactivación económica e 113.372 euros para bolsas ou axudas a estudantes universitarios, destinadas ao pago de matrículas ou a adquisición de material básico para o estudio e transporte.
O PSdeG-PSOE entende que a adquisición de esas parcelas non é adecuada porque no caso do Burgo ten "escasa operatividade" e non é máis cun "parche cosmético" para esa zona; mentres que o de Mollabao "é máis sangrante" porque "se está a facer un negocio ruinoso froito dunha negociación inxenua por parte do concello", ao entender que é Costas o que debería deixar en condicións estes terreos antes de ser utilizados.
Pola súa banda, o PP xa avanzou que non apoiarán ningunha modificación de crédito do goberno municipal ata que non haxa unha rebaixa na carga impositiva aos cidadáns e se anule o cobro irregular da rede de sumidoiros no rural.
Relacionadas:
-
O PP afirma que non se está a realizar ningún traballo nos terreos que acollerán a planta de compostaxe
Por Redacción |
-
Lores nega ter chamado a Carmela Silva para pedir "a cabeza de Tino Fernández", como asegura o PP
Por Oskar Viéitez & Anxo Lourido |
-
Representantes de múltiples colectivos, pendentes do novo sistema de reciclaxe
Por Redacción |
-
O Concello apraza a compra de composteiros para tratar de salvar a modificación de crédito
Por Alejandro Espiño |
-
530.000 euros para a compra e instalación de composteiros individuais e comunitarios
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra pechou 2015 cun superávit de máis de 3 millóns e con 19 millóns 'na caixa'
Por Alejandro Espiño |