Metrópoles Delirantes cumpre 50 emisións
Por Redacción
O programa de radio Metrópoles Delirantes, emitido por PontevedraViva Radio, chegou ás súas primeiras 50 emisións. Todo un fito para un espazo cultural totalmente independente, presentado pola actriz e comunicadora Nieves Rodríguez.
Este proxecto comezou hai algo máis de dous anos e cada quince días trae un tempo de entrevistas, novas e reportaxes e fai de altofalante da banda deseñada galega, unha das nosas industrias culturais máis importantes "e por desgraza máis esquecidas", como sinalan desde o programa.
Metrópoles Delirantes foi medrando en oíntes ata acadar unha audiencia fiel de preto de 4.000 oíntes por programa -só nas plataformas de internet- aos que hai que sumar os das diferentes emisoras que tamén transmiten o espazo, actualmente, Radio CampusCulturae da USC, Cuac FM, PontevedraViva Radio e Radio Filispina.
Ademais do espazo de radio, o equipo de Metrópoles Delirantes escribe unha columna mensual de crítica de cómic na revista Tempos e colabora activamente na dinamización da banda deseñada galega, participando en charlas, mesas redondas e na organización das primeiras xornadas de autoedición de Compostela, FunFunFun, celebradas en decembro.
Metrópoles Delirantes xa fora recoñecido no 2015 co "Premio Ourense de BD" que outorgan as xornadas de banda deseñada de Ourense "polo gran labor de difusión do cómic e da banda deseñada galega".