Doris, a cadela que emigrou a Holanda na procura de salvación
Por Anxo Lourido
Hai un ano, Doris era unha cadela abandonada. Vagaba polos camiños de Pazos de Borbén co corpo cheo de feridas, sen pelo e sufrindo os maltratos dos veciños que non a querían preto das súas casas. Algún mesmo quería matala. En Facebook apareceron fotos do animal e reclamábase axuda. O Refuxio de animais de Cambados non dubidou en poñerse en marcha. A súa responsable, Olga Costa, recorda que lles alertaran de que podería resultar perigoso recollela. "Todo lo contrario. En diez minutos ya estaba en nuestra furgoneta". Durante uns meses foi acollida nas dependencias do refuxio onde tiveron que axudarlle coas fobias que sufría por medo ás persoas.
En xuño, Doris foi unha das integrantes xunto a outros 29 cans da expedición a Holanda para ser adoptados naquel país. Alí encontrou outra vida totalmente a que experimentara en Galicia. Agora reside nunha granxa pequena preto da fronteira de Alemaña xunto a gatos, cabalos e galiñas. Os seus donos, Eveline e Martijn, afirman que tardou en coller confianza e aínda pasados varios meses se mostra tímida ante a xente descoñecida. Non obstante, Doris si que parece presentarse moi sociable con outros animais e o cambio lle veu de perlas. Ademais das melloras apreciables no seu corpo, tamén viu como decidiron cambiarlle o seu nome para que esqueza o seu pasado galego. Agora o seu nome é Doortje que significa Dorotea en holandés.
Olga Costa sinala que alá se vive outra cultura e cita tamén a historia de Pupo, un can que viaxou coxo ata Holanda. Alí foi adoptado por unha familia que lle custeou a operación e que o acolleu con cariño.
O contraste co que sucede na provincia de Pontevedra resulta rechamante, a responsable do Refuxio afirma que a crise está provocando moitos abandonos. A pasada fin de semana foron vistas dúas persoas que deixaban tres cans na autovía no tramo entre Pontevedra e Sanxenxo e na estrada de Cambados e a Vilagarcía.
Por iso, Olga Costa indica que xa están a preparar festivais e mercados para iniciar unha nova expedición doutros trinta cans con destino a Holanda para seguir a estela de Doris, agora máis coñecida como Doortje.