Pasea a súa cadela afogándoa cunha correa e arrastrándoa sobre o costado
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra ven de ser denunciado pola Policía Local por un delito de maltrato animal despois de ser sorprendido por unha patrulla policial mentres paseaba unha cadela cunha soga atada ao pescozo que lle impedía respirar e arrastrándoa sobre un costado.
Axentes da Policía Local sorprenderon por vez primeira a este home de 35 anos arredor das 17.00 horas do 2 de outubro mentres cruzaba un paso de peóns ubicado na intersección entre a avenida de Vigo e a rúa da Estación.
O vehículo policial estaba detido no semáforo cando sentiu que un condutor lle chamaba a atención a un viandante pola maneira na que estaba a pasear o seu can. Os axentes fixáronse e descubriron a escena descrita con anterioridade.
Segundo informou a Policía Local, os axentes recriminaron a actitude do home e a única resposta que obtiveron del foi a expresión: "Yo paseo al perro como me sale de los huevos". Despois de cruzar o paso de peóns, o individuo seguiu paseando o can da mesma maneira, de xeito que os axentes decidiron seguilo.
Instantes despois os policías comprobaron que seguía arrastrando o can, que resultou ser unha cadela da raza Yorkshire Terrier, e que tentaba introducila no interior dun vehículo sen respetar a súa integridade fisica. Ante as recriminacións dos axentes, explicoulles que tiña 15 cans e que lles daba o mesmo trato a todos porque era a maneira que tiña de facelos aprender a andar.
Levaba atada ao pescozo unha correa cun nó corredizo que a afogaba
Unha vez que comprobaron que a actitude do home era de "claro desprezo" con respecto á cadela, os axentes comunicáronlle que ía ser denunciado por unha infracción de maltrato animal. Así mesmo, separárono da cadela para levala a un centro veterinario e que analizara os danos que lle ocasionara.
Nese intre, os axenes verificaron que a correa que a cadela tiña atada ao pescozo era unha corda cun nó corredizo, de tal maneira que cada vez que tiraba por ela, afogaba ao animal.
Mentres os policíais locais estaban realizando as correspondentes dilixencias e alertando unha segunda patrulla para que levara a cadela ao centro de veterinaria, chegou ao lugar dos feitos unha muller que asegurou que era a dona da cadela.
A suposta propietaria da cadela foi denunciada por abandono animal
Os axentes tamén a identificaron e comunicáronlle que, no seu caso, sería denunnciada por abandono dun animal doméstico. Esta denuncia foi refrendada despois da primeira exploración realizada por un veterinario, xa que se constatou que a cadela adoecía dun "claro abandono no seu coidado" e que estaba en grave perigo para a súa saúde. Ademais dos danos ocasionados pola correa, estaba chea de parásitos.
A cadela foi posta a disposición da protetora de animais de Pontevedra e a parella denunciada deberá rendir contas ante o Xulgado de Garda.