A Xustiza confirma a adscrición do Crespo Rivas ao colexio Campolongo
Por Redacción
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra confirmou, de xeito definitivo, a adscrición da EEI Crespo Rivas ao CEIP Campolongo da cidade do Lérez.
O pasado 20 de decembro, este xulgado ditou sentenza desestimando, así, o recurso contencioso-administrativo interposto pola Asociación para a Defensa da Calidade Educativa do Colexio Campolongo. Deste xeito, confírmase a resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Educación de Pontevedra acordando a adscrición do centro infantil ao colexio anexo de Campolongo.
Segundo apuntou o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, "esta é unha boa nova, xa que o órgano xurisdicional está a constatar a concorrencia dos requisitos polos que se regula o procedemento de admisión do alumnado", en concreto, a existencia de planificación previa, a audiencia do consello escolar municipal de Pontevedra e da Xunta provincial de Directores, así como o informe de inspección educativa.
Os alumnos do Crespo Rivas non terán que volver a someterse a un proceso de admisión
"Esta sentenza ven a reafirmar a pretensión da Consellería da prevaleza do interese xeral, quedando así garantido o dereito á ensinanza primaria dos alumnos do Crespo Rivas que, ao estar o seu centro adscrito ao CEIP Campolongo, non terán que volver a someterse a un proceso de admisión", engadiu Pérez Ares, "xa que poderíamos correr o risco da dispersión do alumnado procedente do primeiro destes centros, con eventuais asignacións a centros afastados do seu domicilio familiar".
A sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra é firme e ven a corroborar a sentenza emitida anteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en marzo de 2012.