75.000 persoas de Pontevedra e O Salnés participarán nun programa de detección precoz de cancro colorrectal
Por Redacción
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés poñen en marcha un programa de detección precoz de cancro colorrectal.
Na presentación deste programa participaron este martes o xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, acompañado do subdirector xeral de Saúde Pública, Jorge Suanzes; do xefe de servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Juan Turnes, e da xefa de servizo do centro de saúde Virxe Peregrina, Coro Sánchez.
O programa de cribado de cancro de colon pretende chegar a preto de 75.000 persoas de toda a área sanitaria.
Este proxecto, dirixido a homes e mulleres con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos, permitirá detectar esta patoloxía en fases iniciais e mellorar de xeito substancial o seu prognóstico e supervivencia, pois mediante a detección precoz conséguese diagnosticar o cancro en etapas menos avanzadas, incrementando así as posibilidades de curación. De feito, está demostrado que este tipo de programas poden diminuír a mortaldade até un 35%.
A primeira fase da súa estrea se desenvolverá ao longo dos meses comprendidos entre abril e setembro, e se dará cobertura a 23.000 persoas da área sanitaria. Neste senso, o plan estará en marcha a mediados deste mes nos centros de saúde de Virxe Peregrina, Bueu e San Roque, en Vilagarcía de Arousa, e ao longo do ano se estenderá paulatinamente aos dous terzos da poboación restantes.
A finalidade do cribado de cancro colorrectal é que a poboación á que vai dirixido realice, cada dous anos e no seu domicilio, unha proba sinxela para determinar a presenza de sangue oculto inmunolóxico en feces. Este estudo non serve por si só para diagnosticar un cancro colorrectal, pero as conclusións permitirán saber se é preciso unha exploración intestinal mediante unha colonoscopia, a cal se levaría a cabo no caso de que os resultados do primeiro recoñecemento fosen positivos.
As persoas que encaixen dentro do perfil determinado polo programa recibirán unha carta no seu domicilio, na que serán convidadas a participar no mesmo. A continuación, tras remitir a súa aceptación ao centro coordinador, se lle facilitará o material preciso para a toma da mostra, así como as instruccións para recollela. Tras a análise, se comunicarán os resultados e, de ser positivos, se procederá a dar cita no centro de saúde correspondente para a programación da colonoscopia.
Está previsto remitir as cartas informativas ao longo deste mes, pois o envío dos primeiros test terá lugar entre abril e maio. As primeiras citas en Atención Primaria se rexistrarán en maio e as primeiras colonoscopias está previsto programalas para o mes de xuño.
FRECUENCIAS E SÍNTOMAS
O cancro colorrectal é o tumor máis frecuente nos países desenvolvidos e ocupa o segundo lugar despois do de pulmón nos homes e o de mama no caso das mulleres.
As persoas con historia familiar de cancro colorrectal e aquelas con enfermidades inflamatorias intestinais crónicas teñen máis risco de desenvolver esta patoloxía.
Independentemente destas situacións, o risco aumenta de maneira considerable a partir dos 50 anos, tanto no caso dos varóns como das mulleres.
Non adoita causar ningunha molestia ata que está nunha fase moi avanzada. Algúns dos síntomas que se identifican como máis frecuentes son os cambios de hábito intestinal de varias semanas de duración e emisión de sangue polo recto sen molestias asociadas.
O 85% dos casos se orixinan nun pólipo intestinal que maligniza tras un período prolongado de ata 10 anos, o que permite a súa detección en estadios iniciais e incluso nas fases premalignas. En total, un 52% dos cancros diagnosticados dentro do programa galego de detección precoz de cancro colorrectal atopánbase en fase inicial, cando habitualmente tan só se chega a descubrir a enfermidade neste estadio nun 14% dos casos.