O Burla Negra e o Morning Star enfróntanse na Noite Pirata nunha espectacular abordaxe
Por Alejandro Espiño
Burla Negra ou Morning Star? A cidadanía de Pontevedra deberá decantarse o vindeiro martes 12 de febreiro, na Noite Pirata liderada por Benito Soto. As rúas de Pontevedra vibrarán cos sons dos canóns e as bravatas dos piratas que tomarán as prazas do centro histórico para participar na definitiva abordaxe do barco inglés.
A Concellaría de Festas quixo dar nesta segunda edición da Noite Pirata un chanzo máis aló, ao contar con dúas embarcacións: o Burla Negra e o Morning Star. Ambos partirán da Praza de España para facer un percorrido por distintas rúas do centro histórico e atoparse na Praza da Ferrería para escenificar unha divertida e espectacular batalla que culminará coa abordaxe do Morning Star (Benito Soto converteu este buque no Burla negra).
De aí que fagan un chamamento a todos os pontevedreses a saír á rúa a partir das 22.00 horas e participar nesta batalla e abordaxe con humor. A Noite Pirata contará coa animación das comparsas: Os da caña, Solfamidas, Las flores del carnaval, Os paparrulos, A Esmorga, Val do Lérez, Clave de Sol e Vamos a todo.
A festa infantil
A noite pirata adiantarase un pouco para os máis pequenos. A Concellaría acordou este ano transformar a festa infantil do martes nunha festa pirata, na que, a partir das 17.00 horas, haberá ambientación e animación de rúa baixo a temática pirata.