O Concello planea mellorar "toda a zona de San Amaro"
Por Diego Espiño
Actuar na contorna da igrexa de San Amaro entra nos plans inmediatos do Concello de Pontevedra, segundo recoñeceu este martes Carme da Silva.
A edil explicou que a Comisión de Urbanismo debateu a aprobación dun convenio que permitirá rehabilitar un antigo lavadoiro e ordenar parte da zona.
Trátase dun convenio cun particular que pretende edificar nunha parcela contigua. Para iso realizaríase un cambio de cualificación de parte do terreo que levaría unha compensación de 105.000 euros ás arcas públicas destinadas á rehabilitación do lavadoiro e a adecuación e urbanización da parcela que a rodea.
Sería a administración pública a encargada de realizar esta obra para asegurar que se cumpran os parámetros da mesma, correspondendo a cantidade fixada á taxación do arquitecto municipal.
Esta actuación sería a primeira parte dun plan maior, para o que é necesario negociar co Arcebispado, posto que inclúe unha parcela anexa que se atopa xunto ao templo de San Amaro. O Concello, segundo explicou Da Silva, pretende lograr a autorización da Igrexa para "mellorar toda a zona".