Para mercado transparente e alternativo, Pontevedra
Por Redacción
Un mercado transparente é aquel no que todas as persoas que interveñen nel (produtoras, intermedarias e compradoras) teñen a máxima información sobre as condicións do mesmo, e esa información é igual e veraz para todas. O ONGD Amarante-Setem tira de diccionario para definir o acto que organizan o vindeiro sábado 13 de outubro na Praza da Ferraría, unha cita coa que buscan "facilitar o acceso a unha alternativa sostíble ao sistema de consumo no que estamos".
A cita será entre as 11.00 e as 14.00 horas e está previsto que participen o Grupo de Consumo Responsable de Pontevedra 'A Gradicela' e o Sindicato Labrego Galego (SLG), que colaborarán con Amarante dando información sobre as "características deste tipo de consumo, ético e consciente, e as diferentes alternativas ás que podemos acceder como consumidoras e consumidores responsables".
Amarante cuestiona o sistema de consumo actual, "no que, maioritariamente, se explota ás persoas produtoras, denigra o medio ambiente e despreza a saúde e a intelixencia das persoas consumidoras", de maneira que organiza este mercado transparente, no que informarán "sobre outros produtos que respetan os dereitos das persoas e o medio ambiente, como son os produtos de comercio xusto provenientes dos países do Sur (por exemplo, o azucre de cana ou panela, cafés, chocolates, arroces, quinoa, cous-cous...) e os produtos frescos e envasados galegos (verduras, produtos lácteos, mel..) vendidos directamente polas persoas produtoras".
Segundo informa Amarante, tamén se celebrará ao mesmo tempo un mercado de troco para que os cidadáns poidan "conseguir aquilo que precises a cambio do que xa non usas".
"Hai que lembrarse de levar algo para cambiar por outra cousa que poida interesar (libros, roupa, xoguetes... etc), xa que nesta actividade non se usa o diñeiro como material de intercambio, se non que se entrega un ben, que xa non se use e que sexa todavía perfectamente útil para outra persoa, a cambio doutro que se precise", indican dende a ONGD.