Récord de asistencia no Encontro de Palilleiras de Portonovo
Por Redacción
A carpa instalada no porto de Portonovo desbordou durante este domingo. Ata alí, acudiron máis de 700 artesás para celebrar o Encontro de Palilleiras. Con esa cifra, a novena edición batía récord en comparación coas preto de 500 participantes do ano 2015.
A escasos días do encontro, víronse obrigadas a pechar as inscricións por falta de espazo na carpa. Para a Asociación de Mulleres Rurais Santa Catalina, organizadora do evento, todo isto supón un gran éxito.
Na cita, as protagonistas deste encontro, mulleres chegadas de toda Galicia e doutros puntos de España como Madrid ou Tarragona, puideron adquirir diversos complementos e ferramentas para a confección. Tamén foi unha cita na que as artesás puideron mostrar a arte do palillo ou o encaixe, entre outros, ás centenares de persoas que visitaron a carpa.
Mantelinas, xogos de cama, colchas, roupa de bebe ou mesmo ligas de noiva, son só unha mostra dos complementos confeccionados con esta técnica artesanal que os visitantes podían adquirir.