O PP quere "falar sen límites" nos plenos da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O grupo provincial do Partido Popular solicitou no Pleno extraordinario celebrado este venres, a modificación do regulamento do pleno, permitindo como mínimo dúas intervencións por grupo e asunto e "garantir deste xeito o debate plenario e o dereito de réplica".
Na súa intervención en defensa desta moción o deputado popular, o cambadés Luis Aragunde, demandou poder "falar sen límites" e suprimir o cronómetro que marca o tempo das intervencións de cada membro da corporación.
Os populares cren que o actual regulamento, que é do ano 1999, está "absolutamente desfasado" e admitiron que durante a anterior presidencia de Rafael Louzán a norma "se incumpría" e dixeron que a Deputación de Pontevedra é "a máis restrictiva" de todas as institucións de Galicia polo sistema aplicado para regular as sesións plenarias.
Ainda así dende o PP celebraron que esta fórmula permita falar a colectivos sociais como os que este venres participaron no Pleno, como foron a Plataforma contraria a fusión de Cerdedo e Cotobade e as traballadoras da limpeza no Centro Príncipe Felipe.
O deputado de Marea, Xose Lois Jácome, amosou o seu desacordo con esta petición do Partido Popular apuntando que "o incremento no tempo das intervencións non enriquece o debate" e dixo "confiar sen moito entusiasmo" na modificación que ten prevista o goberno provincial.
Pola súa banda o voceiro do grupo provincial do BNG e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, tendeu a man do goberno ao PP "e agardo que a collan" para participar na reforma o regulamento que xa está en marcha, pero lembrou aos populares que se chegou a esta situación "porque vostedes á provocaron co seu comportamento".
Finalmente o deputado socialista, Carlos López Font, pediu o PP que retire a moción e chamoulles a atención sobre o feito de que este regulamento "si lles valeu durante todos estes anos" e destacou que o novo goberno da Deputación "cumpre coa lei".
A moción do PP foi rexeitada co voto en contra do PSOE e o BNG e a abstención de Marea.
"BALEIRO DE CONTIDO"
O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade dúas declaracións institucionais sobre a grave situación humanitaria que viven as persoas refuxiadas e outra en apoio as persoas con discapacidade.
A voceira do Partido Popular, Nidia Arévalo criticou "a pobre xestión do bipartito provoca que teñamos un pleno baleiro de contido" e lamentou que "a única actividade do goberno son cuestións de trámite".
Segundo Nidia Arévalo, na Administración provincial "van moito máis rápido os funcionarios que os políticos, e isto é porque están acostumados ao nivel de traballo que había co anterior goberno".
A titular do Goberno provincial, Carmela Silva, afirmou que este tipo de críticas tratan de "danar a imaxe da presidenta da Deputación", especialmente "dende que esta aberto o proceso de eleccións en Galicia" polo que dirixíndose aos deputados do PP dixo "non me vou a presentar ás eleccións autonómicas" polo que lles pediu que abandonen a súa atitude.
MEMORIA HISTÓRICA
Respecto á moción do BNG, sobre o posicionamento da Deputación de Pontevedra arredor da memoria histórica saiu aprobado por unanimidade.
A moción atende ao compromiso que se acordou no último pleno provincial a instancias do deputado de Marea e contempla unha serie de medidas para dignificar e rexenerar a memoria das vítimas da ditadura franquista para que "non fique no esquecemento o seu recordo", así como a retirada de distincións, entre outras medidas que asumen.
Ademáis o deputado nacionalista, Xosé Leal, lembrou o simbolismo desta medida, tendo en conta que neste mesmo salón de Plenos da Deputación se xulgou a moitos represaliados do franquismo.
Os voceiros do BNG, PSOE e da Marea sinalaron este posicionamento institucional como un "compromiso dos tres grupos de esquerdas" ante o que a voceira do PP, Nidia Arévalo, tamen quiso "deixar claro" que ainda que o seu partido non participou na elaboración de este acordo "estamos en contra das ditaduras" e pediu que a moción se estableza como unha declaración conxunta de toda a Deputación.
OUTRAS MOCIÓNS
O PSOE demandou a posta en marcha dun plan de loita contra a vespa velutina que foi aprobado, outro dos acordos que propuxeron os populares é que a Deputación de Pontevedra aprobe unhas bases de axuda aos deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia, para financiar os gastos derivados da súa preparación e participación nos Xogos de Río 2016, que foi rexeitada "por non chegar a tempo", segundo a deputada socialista Chelo Besada porque "o PP no seu momento preferiu adicar os cartos a temas electorais esquecéndose dos deportistas". E lembrou que xa existen outras axudas en marcha a través das bases de axudas extraordinarias.
Por último, tamén foi rexeitada a moción do PP na que solicitaba á institución provincial que adecúe os prezos dos viveiros de empresas de Lalín e de Barro-Meis, para que sexan asequibles e favorezan o emprendemento.
O deputado do PP, Xosé Crespo criticou que os actuais están "por riba dos prezos de mercado" tanto das súas localidades como da provincia.
Relacionadas:
-
A Valedora do Pobo lembra ao PP que a lei dá a razón a Carmela Silva na súa regulación dos plenos
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada