O Concello de Marín está disposto a entrar no plan compost da Deputación
Por Redacción
O Concello de Marín está disposto a sumarse ao Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra para aplicar a compostaxe como sistema de tratamento e recollida de lixo. Así o indicou a alcaldesa María Ramallo tras unha reunión co vicepresidente provincial César Mosquera, quen explicou á rexedora os pormenores do plan provincial e afondou sobre os beneficios económicos e ecolóxicos que supón a súa aplicación.
O vicepresidente provincial lembrou que a normativa europea obriga ás administracións locais no ano 2020 a preparar para a reciclaxe o 50% dos residuos sólidos urbanos, algo que non se pode acadar de non tratar a fracción orgánica da bolsa do lixo (restos de comida e vexetais).
"Nós respectamos a autonomía municipal, pero apostamos por este sistema porque está demostrado con éxito noutras localidades e é perfectamente asumible en todos os concellos da provincia adaptándoo ás súas peculiaridades", dixo, para convidar ao goberno local marinense a sumarse ao programa provincial.
Na primeira fase do Plan Compost, de feito, o Concello de Marín non presentou ningunha solicitude para obter os centros de compostaxe comunitaria que vai repartir a Deputación.
A alcaldesa, que estivo no encontro coa concelleira de Medio Ambiente, María Sanmartín explicou que o seu goberno local está inmerso na redacción do novo prego do contrato do lixo, xa que o actual vence en xaneiro de 2017. Así, subliñou que lle parece precipitado "pensar nun cambio total do sistema actual" para aplicar a compostaxe, pero destacou que "se houbera máis tempo, probablemente se adoptaría esa vía". Neste sentido, Ramallo explicou que se traballará progresivamente cara a recollida separada dos orgánicos e así se demostrará nas condicións que se marcarán para a nova concesión.
"Queremos sumarnos á compostaxe con experiencias non erradas para que a xente as tome en serio. Estamos abertos a explorar a solicitude dos centros de compostaxe comunitaria en vindeiras fases do Plan Compost, pero temos que ver cal é a resposta dos veciños e ver se algunha iniciativa prende e poder solicitar os composteiros segundo as bases e requisitos da Deputación", manifestou Ramallo.
Relacionadas:
-
Concienciar os nenos da provincia dos beneficios de compostaxe, novo obxectivo da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
A Cidade Infantil Príncipe Felipe, laboratorio de probas da compostaxe
Por Redacción |
-
O novo sistema de recollida de lixo pode reducir á metade o custo real do servizo, segundo un estudo
Por Natalia Puga |