A Deputación estudará "de forma inmediata" a situación do servizo contra incendios
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, reuniuse este xoves co novo xerente do Consorcio contra Incendios, Roberto Jorge Correa, para analizar a situación actual de parques provinciais de emerxencias.
Tras a mesma, a dirixente provincial explicou que estudarán "de forma inmediata" as medidas que se poden tomar para mellorar o servizo mentres non se avanza na recuperación da xestión directa dos parques e a mellora do mapa de emerxencias autonómico, proposta trasladada recentemente á Xunta de Galicia.
Mentres tanto, conscientes de que hai zonas que se atopan a unha importante distancia dos servizos contra incendios, toca tentar que a resposta sexa "o máis eficaz e áxil posible".
O novo xerente, que realizará o seu traballo desde as instalacións da Deputación en Pontevedra, encargarase ademais de "realizar unha analise xurídica e técnica" da viabilidade de recuperar a xestión directa e pública do servizo contra incendios provincial, que ten bases en Bueu, Ribadumia, Vilagarcía e Porriño.
O novo xerente foi o único en presentarse ao concurso-oposición convocado para ocupar o posto. É enxeñeiro forestal e ten experiencia no servizo contra incendios da Xunta de Galicia.