O goberno local presentará o seu plan de compostaxe nun acto no Museo o vindeiro 14 de abril
Por Redacción
A reunión do Consello Económico e Social da tarde-noite do martes 29 serviu para pouco máis que coñecer que o xoves 14 de abril presentarase no Museo de Pontevedra a todas as forzas políticas e aos veciños que queiran coñecer as claves do proxecto de reciclaxe que se vai a implantar na recollida de residuos en Pontevedra.
Durante a reunión, apenas se tratou este tema segundo manifestou a concelleira de Xestión de Residuos, Carme da Silva, por falta de tempo. Con todo, as críticas dos grupos da oposición fixéronse patentes. Segundo o Partido Popular este plan incrementará o prezo do recibo do lixo apuntando que este tipo de decisións deberían aprobarse en Pleno ao afectar durante anos aos pontevedreses e aos seus petos.
Pola súa banda, o grupo municipal socialista, a través do seu portavoz Agustín Fernández, reclama do goberno local un documento no que se expliquen as directrices dese plan de xestión de residuos. Desde o PSOE ven complexo lograr o éxito neste proxecto cando noutras cidades non son capaces de obter as cifras de material reciclado que manexa o goberno de Pontevedra.
Para Carme da Silva, as críticas do PP carecen de xustificación e indicou que "non teñen ideas nin alternativas" para apuntar que se realizaron estudos a través do curso de Mestres Composteiros para comprobar a rebaixa que se establecería nas facturas para partir do 70% de material reciclado. Da Silva afirma que este sistema está a funcionar noutras cidades.
PLAN DE EMPREGO
Ningún dos grupos políticos presentou propostas de emprego concretas para Pontevedra durante a reunión do CES. Só o PSOE presentou un escrito cun plan de reactivación económica que supoñería un investimento dun millón de euros, segundo os socialistas para que puidese ser eficaz pero que con medio millón xa podería poñerse en marcha.
A concelleira Carme da Silva afirmou que se un alumno de económicas presenta ese plan "sacaría un cero" porque non hai datos concretos cuantificados nin a que colectivos se dirixe. Pola súa banda, os socialistas criticaron que o goberno local incumprise o acordo plenario e non presentase ningún informe sobre medidas que se deben adoptar para fomentar a creación do emprego.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, durante a sesión expuxo as actividades que se están desenvolvendo para potenciar a actividade económica no municipio.
Relacionadas:
-
O Concello asegura que a reclamación de Ponte Sampaio pola planta de compost "non ten repercusión"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP afirma que non se está a realizar ningún traballo nos terreos que acollerán a planta de compostaxe
Por Redacción |
-
Representantes de múltiples colectivos, pendentes do novo sistema de reciclaxe
Por Redacción |