Andrés Díaz reunirase con Abel Caballero para valorar a integración de Ponte Caldelas na Área Metropolitana de Vigo
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, reunirase a mediados do mes de abril con Abel Caballero, alcalde Vigo, para valorar as consecuencias que tería a integración do seu municipio na área Metropolitana de Vigo.
"É unha gran oportunidade que debemos considerar e valorar", declarou o alcalde de Ponte Caldelas.
Este ente supramunicipal comezou a súa xestación en Soutomaior no ano 1999 cun goberno do Partido Popular, e actualmente a lei contempla 14 concellos, entre eles o de Salvaterra de Miño un dos máis distantes á cidade olívica, ou outros como o de Fornelos de Montes ou Soutomaior, estes últimos limítrofes co concello de Ponte Caldelas, que dista de Vigo 32,23 kilómetros ou a posible incorporación de A Garda, Ponteareas, Tomiño, Tui, As Neves, Mondariz e Vilaboa.
A área metropolitana ven caracterizada para a xestión dunha serie de competencias, que deben funcionar colectivamente creando alianzas e afrontando retos en común de forma flexibilizada.
Andrés Díaz cre que "é o mellor momento para deixar de ser individualistas e pensar o que nos pode achegar a adhesión aos diferentes servizos, de idénticas características, que poderán gozar os habitantes dos concellos que se incorporen e a súa redución de custos".