Entra nunha escavadora, queda encerrado e sae a patadas
Por Diego Espiño
A Policía Nacional identificou un mozo, nacido no ano 90, despois de causar estragos nunha escavadora estacionada ante a Praza da Estrela, na Ferraría, con motivo das obras que se levan a cabo na zona.
O protagonista, que segundo as testemuñas presentaba claros síntomas de embriaguez, introduciuse na cabina da máquina pasadas as 8:00 horas deste domingo. Unha vez dentro e pasados uns minutos, vendo que non era capaz de saír do interior da escavadora e froito da ansiedade, comezou a dar fortes patadas contra os cristais ata que logrou romper un e volver ao exterior.
Ante o escándalo provocado e os danos evidentes no vehículo, unha patrulla da Policía Nacional compareceu no lugar. O mozo, que xa abandonara a zona, foi localizado pouco despois no interior dun establecemento 24 horas na rúa Cobián Roffignac.
A empresa adxudicataria da obra deberá valorar agora se presenta unha denuncia para reclamar os danos.