O alcalde de Ponte Caldelas critica o "localismo máis facilón" do popular Jacobo Moreira
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, considera que o Partido Popular de Pontevedra está "desorientado e sofre unha alarmante carencia de ideas". Díaz afirma que "só así se entende" que o portavoz do PP, Jacobo Moreira, "teña a necesidade de xogar a baza do localismo máis facilón para criticar os pasos preliminares que están a darse para que Ponte Caldelas poda beneficiarse da oportunidade de mellorar os seus servizos municipais coa área metropolitana de Vigo".
Andrés Díaz recoméndalle a Jacobo Moreira "máis seriedade para que o Partido Popular poda ofrecerlle algo aos pontevedreses, pois por algo está na oposición e cos peores resultados da súa historia recente".
"Este señor ten demostrado que fala dende o máis absoluto descoñecemento, e cun punto de inmadurez preocupante. Isto non vai de pontevedresistas ou viguistas. Vai de construír unha xestión municipal moderna no século XXI", afirmou Díaz.
"É pronto para falar", indicou o rexedor de Ponte Caldelas que nestes intres tan só ten unha cita concertada co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para recoller información "de cara a cuestións que consideramos importantes para os nosos veciños", como son a mellora do transporte coa cidade olívica, ou a posible xestión compartida e abaratamento de servizos, como o do lixo.
"Pero como Moreira parece moi inquieto, gustariame aclararlle que este equipo de goberno ten unha axenda social moi clara: mellorar o transporte e os servizos municipais. Os tópicos localistas non nos interesan", remachou Díaz.
O rexedor caldelán apunta que o seu municipio está a crecer en poboación e ten un bo número de veciños que traballan en Vigo, "polo que o seu alcalde esforzarase por mantelos e tamén por atraer a máis xente que veña a residir no municipio caldelán, aproveitando a baza da súa situación no mapa provincial e unha xestión municipal centrada na busca de oportunidades". E para iso, afirma Andrés Díaz, "temos que ser atractivos e competitivos, aínda que lle moleste a algúns políticos caducos e oportunistas".
Finalmente Andrés Díaz salienta que o goberno local de Ponte Caldelas ten unha "excelente relación institucional" coa capital e o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "e queremos seguir sumando xuntos seguindo a estela de proxectos exitosos como Terras de Pontevedra, o Proder ou mesmo o nacemento do polígono da Reigosa nos que Lores xogou un papel positivo para os caldeláns".
Relacionadas:
-
Andrés Díaz reunirase con Abel Caballero para valorar a integración de Ponte Caldelas na Área Metropolitana de Vigo
Por Redacción |
-
No PP de Pontevedra preocupa a intención de Ponte Caldelas de integrarse na Área Metropolitana de Vigo
Por Oskar Viéitez |
-
Quere Ponte Caldelas sumarse á área metropolitana de Vigo?
Por Redacción |