
© Mónica Patxot
Case o 100% das nais entran en contacto pel con pel co recén nacido no Hospital Provincial

Por Redacción
As matronas da Unidade de Partos do Complexo Hospitalario de Pontevedra e do Salnés facilitan o contacto pel con pel na práctica totalidade dos partos rexistrados no Hospital Provincial. A técnica baséase no contacto íntimo durante as primeiras horas de vida do neonato. Esta fórmula favorece a conduta materno-neonatal e é fundamental para o inicio satisfactorio da lactación, segundo informan desde o centro hospitalario pontevedrés.
Tamén nos partos cirúrxicos por cesárea, a porcentaxe de pel con pel no quirófano chegou a un 60%. Nos casos das mulleres que non puidesen beneficiarse deste método, o contacto materno cambiouse polo paterno.
A práctica, cada vez máis estendida, busca o contacto inmediato do bebé coa nai tras o nacemento, de maneira que o recentemente nado se coloca sobre o abdome espido para que aos poucos repte ata o peito, permitindo así interaccións mediante estímulos sensoriais como o tacto, a calor e o cheiro. Así se estimula unha alimentación temperá e a súa dixestión. Ademais, axuda ao bebé para lograr unha protección contra posibles infeccións, regular a súa temperatura corporal e enriquecer a unión cos seus proxenitores.
O sistema tamén axuda á nai proporcionándolle numerosos beneficios emocionais, incluso mellorando a produción do leite materno ata un 50%.
A Unidade de Partos dos hospitais públicos pontevedreses traballan na elaboración dun protocolo xeral de pel con pel para todo tipo de partos. Desde xullo de 2015 desenvólvense coloquios e charlas informativas para explicar ás futuras nais como será o proceso do parto.
O Plan de Partos individualizado permite ás mulleres a posibilidade de sinalar as súas preferencias á hora de dar a luz. No Hospital Provincial facilítase que as pacientes poidan expulsar ao bebé na habitación de dilatación e realicen alí mesmo as dúas horas posteriores de puerperio inmediato baixo vixilancia da matrona.