O Pontillón do Castro e A Barosa, unidos por unha nova ruta de sendeirismo
Por Alejandro Espiño
Da auga en calma -o encoro do Pontillón do Castro- á auga en movemento -as fervenzas do parque da Barosa-. É o fío condutor da nova ruta de sendeirismo que se habilitará entre os municipios de Barro e Pontevedra.
Trátase dun percorrido de catorce quilómetros que trascurrirá por camiños xa existentes no monte e por viarios municipais, segundo avanzaron este mércores os alcaldes de ambos os concellos, Xosé Manuel Fernández Abraldes e Miguel Anxo Fernández Lores.
Toda esta ruta atópase, sinalou o rexedor de Barro, "totalmente practicable" xa que os camiños están en "perfecto estado" grazas ao labor das comunidades de montes de Verducido e Perdecanai. Só resta sinalizala, un traballo que se realizará nos próximos meses co obxectivo de que a ruta se poida estrear oficialmente antes do verán.
"A ruta está moi ben deseñada e conectada e será fácil de sinalizar para que a xente non se perda nos cruces", explicou o alcalde de Barro, que destacou que transcorre polo Monte Acibal.
Esta nova ruta de sendeirismo estará habilitada tanto para os que opten por facela a pé como para os que prefiran percorrela en bicicleta e unirá "dous puntos moi interesantes" dos dous municipios, explicou Fernández Abraldes, axudando á divulgación do patrimonio natural, cultural e etnográfico de Barro e de Pontevedra.
Ademais, con esta iniciativa os dous concellos tratan de que o monte "non sexa só unha zona produtiva" senón que sexa un ámbito de lecer e esparexemento para as familias de ambos os municipios.
A todo este espazo, destacou Fernández Lores, "temos que sacarlle o máximo rendemento" ao entender que pode ser outro atractivo turístico máis para a comarca de Pontevedra. Para iso, esta ruta formalizarase nos rexistros oficiais para "dar a coñecela".
O alcalde de Barro avanzou, doutra banda, que pretende que esta sexa a "primeira de moitas" rutas de sendeirismo intermunicipais que se habiliten nun futuro, ao entender que poden ser un potencial turístico importante para o seu concello.