As institucións, distantes para repudiar os atentados de Bruxelas
Ás 12.00 horas, un cidadán que camiñase pola contorna da Alameda atopábase este mércores 23 con tres concentracións distintas. As tres tiñan o mesmo motivo, a condena da acción terrorista de Bruxelas e a solidariedade cos familiares e coas vítimas.
O subdelegado do Goberno, Antonio Coello, concentrábase cos representantes da Garda Civil e do exército, ademais da deputada electa Pilar Rojo, ante o edificio situado na praza de España. O representante do Goberno central do Partido Popular indicaba que o importante das concentracións contra o acto terrorista en Bruxelas é manifestar a unidade. Con todo, a unidade neste tipo de actos de repulsa brilla pola súa ausencia. A douscentos metros da Subdelegación, a presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, atopábase liderando outra concentración pola mesma causa. E tamén, á mesma hora, os representantes da corporación municipal co alcalde nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, á cabeza gardaban un minuto de silencio ante as portas do edificio das oficinas do Concello.
As tres institucións celebran un mesmo acto pero en tres espazos distintos, cunha distancia entre os edificios de apenas douscentos metros. Só había políticos, altos cargos ou funcionarios, ninguén máis se sumaba a estas concentracións cidadás. Preguntado sobre esta cuestión, Antonio Coello, respondeu cun contundente:"Creo que hoy es el día donde tenemos que mostrar un mensaje de unidad y sosiego a los demócratas y yo estoy al amparo de las tres banderas: la de España, la de Galicia y la Europea".
O subdelegado do Goberno tamén apuntou que nos atopamos no nivel 4 de alerta e que se manteñen os reforzos, sobre todo, en zonas portuarias. O representante gobernamental quixo enviar unha mensaxe de apoio aos "compatriotas que están en un país amigo como Bélgica". Apuntou que Europa é o espazo no que se manteñen valores firmes como a convivencia e as liberdades. "Tenemos que defenderlos y rechazar de forma tajante estos actos que nos entristecen y que nos dejan con una sensación profunda de tristeza y de dolor", indicou.
Un discurso similar expuxo a presidenta provincial, Carmela Silva, ante os ao redor de 40 funcionarios que se daban cita na Deputación. A presidenta indicaba que Bruxelas debería ser "o reflexo dunha sociedade que atopa espazos para poñerse de acordo, onde os atentados terroristas, a morte, non foran nunca posibles". Lamentaba el acto porque "nós queremos un mundo en paz, onde o diálogo sexa o modo a través do cal se solucionen os conflitos".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrábase máis crítico coa postura de Europa ante determinadas situacións que se producen no mundo e apuntaba que "daquelas augas veñen estes lodos. Inxerencias militares en países soberanos provocan rexeitamentos que dan lugar a creación de grupos, que non teñen xustificación, que levan a cabo unha acción – reacción sen sentido. Debemos loitar por sociedade máis xusta a nivel internacional". Desta forma, Fernández Lores afirmaba que seguirá loitando por unha orde internacional distinta e evitar esta orde mundial que defende intereses económicos e militares.