Obrigan ao Concello a pagar máis de 6.700 euros a unha muller que caeu na rúa Cervantes
Por Redacción
O Concello de Pontevedra terá que abonar 6.750 euros a unha muller que sufriu unha caída no Paseo de Cervantes, nunha das rúas perimetrais dos Xardíns de Vicenti nas Palmeiras. A caída debeuse a que tropezou cunha lousa que se atopaba mal colocada ocasionándolle unha baixa de 160 días. Ademais, o golpe causoulle secuelas.
A sentenza estima en parte a demanda que ascendía a máis de 8.700 euros e obriga ao Concello a pagar máis de 6.780 euros, dos que o Concello pagará 1.500 e o resto correrá a cargo da empresa aseguradora.
Non foi esta a única sentenza que se tratou na xunta de goberno deste luns 21. Un transportista que circulaba pola avenida de Compostela sufriu danos porque unha tapa dos sumidoiros golpeou o depósito de gasóleo e causoulle danos por valor de 1.800 euros. O Concello alegara que a tapa de pluviais estaba na beiravía, pero o xuíz entende que os vehículos poden atoparse con situacións nas que é necesario que estacionen na beiravía e por iso non exime de responsabilidade ao Concello pontevedrés.
Por último, a empresa Viaqua farase cargo dos danos que sufriu un vehículo na rúa José Malvar en novembro de 2014 cando unha tapa de rede de sumidoiros golpeou o turismo. A empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga faise cargo desta incidencia e chegou a un acordo coa persoa afectada que reclamaba 237 euros por danos.