Feijóo e a Bela durminte
Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo visitou o stand de Galicia en Fitur, onde tivo un especial protagonismo o Concello de Sanxenxo.
Feijóo, segue coa súa peculiar afección ás metáforas, e hoxe referiuse a Galicia como "a bela durmente", e coma se do conto da princesa se tratase, dixo que a nosa Comunidade "soubo recuperarse con creces das vellas épocas de somnolencia" e agora esta terra "está esperta e atenta ao que sucede no mundo, ansiosa por ser coñecida e deseosa por desvelar os seus segredos".
Atopábase o presidente acompañado das súas antigas conselleiras Marta Fernández Currás e Pilar Farjas, agora secretarias de Estado de Presupuestos e Sanidad, respectivamente, así como pola secretaria xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro, e a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González.
A rexedora mostrou a súa satisfacción pola decisión tomada pola asemblea de Villas Marineras de impulsar a implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) nos municipios que conforman esta asociación. E é que para a alcaldesa sanxenxina "a calidade é un elemento diferenciador que debe definir ás nosas vilas e facelas máis competitivas con outros destinos".
Sanxenxo conta xa con 82 empresas, pertencentes tanto ao ámbito público como ao privado, integradas no plan de calidade promovido por Turespaña e que "referendan a implicación dos profesionais do noso municipio por mellorar día a día en canto a atención e os servizos que ofrecen aos visitantes".
O stand de Galicia en Fitur tamén acolleu a presentación da Guía Básica de Servizos Náuticos de Galicia, que inclúe información dos portos deportivos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Combarro, Pedras Negras (O Grove), Portonovo, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Beluso (Bueu), entre outros.