Aumentan as axudas económicas para a confección de alfombras do Corpus en Bueu
Por Redacción
A Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu avanza na organización dun dos eventos máis importantes do ano na localidade e, para facelo, este xoves mantivo unha reunión no centro social cos colectivos, asociacións e veciños.
A presidenta do colectivo, Carmen Santos, pediu a colaboración e participación do maior número de persoas e anunciou que ofrecerán axuda para o deseño, o fornecemento de materiais e mesmo o desprazamento dos mesmos.
Para as asociacións e colectivos anunciaron unha axuda de 150 euros por cada alfombra de 15 metros e de 200 euros para as de 20 metros. Esta axuda económica é superior á de anos anteriores e será aportada coa colaboración do Concello de Bueu.
Este ano as alfombras vanse estender máis alá da festividade do Corpus e varias delegacións chegadas doutras localidades vanse desprazar a Bueu para confeccionar varias alfombras o Día do Carmen. En concreto, estarán representantes de San Valentín de Otorio (Italia), Redondela, Ponteareas, Castropol, Cela e Beluso. Membros da asociación tamén van participar na elaboración dunha alfombra para o FICBUEU e participarán nun congreso de confrarías de Cangas.
Proximamente será anunciado o gañador do concurso de carteis do Corpus, e xa en abril serán as II Xornadas do Corpus, ademais de poñerse en marcha a exposición de fotos antigas.
Relacionadas:
-
As alfombras florais regresan a Bueu para o Corpus
Por Redacción |
-
A Asociación das Alfombras de Bueu convoca un concurso de carteis
Por Redacción |
-
As alfombras, en Bueu, xa non son patrimonio exclusivo do Corpus
Por Redacción |
-
Bueu aspira a que a súas alfombras florais sexan recoñecidas pola UNESCO como "arte efémero"
Por Redacción |
-
Bueu celebra a Festa do Carme coa tradicional procesión marítima
Por Redacción |