Granxeiro 3.0
Manuel Amorín, un mozo emprendedor da Lama recibiu en 2015 case 23.000 euros por parte da Xunta para a compra de cabezas de gando. As subvencións que oferta a Xunta permiten aos novos empresarios abrir a súa propia granxa e comprar novos animais, ademais de modernizar a súa maquinaria.
"O noso obxectivo é solicitar unha axuda para a compra dun boi destinado a cruzar con vacas, así como para o peche de cinco quilómetros de monte, para evitar que os animais poida ir cara á estrada", explicaba o dono dos animais, "estamos a falar de animais ecolóxicos", engadiu.
O responsable territorial da Xunta, Jose Manuel Cores Tourís visitou esta explotación gandeira para anunciar a apertura dunha nova orde de axudas que contan cun orzamento global de 57,5 millóns de euros. "Estas subvencións teñen como obxectivo fomentar a modernización e a ampliación das instalacións agro gandeiras de Pontevedra e impulsar a incorporación de mozas ao medio rural", explicaba Cores Tourís.
Para recibir estas axudas débese de cumprir cuns requisitos mínimos: ser titular dunha explotación agraria inscrita no rexistro de explotacións agrarias de Galicia e levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da explotación. Priorizar aquelas que, entre outras características, incorporen ou teñan incorporado nos últimos 5 anos un agricultor novo, as que cren novas unidades de traballo agrario, as que presenten solicitude de axuda para proxectos innovadores ou integrados, as que teñan condición de explotación prioritaria, as de montaña ou ecolóxicas e as de titularidade compartida.
As axudas destinadas á creación de empresas para agricultores novos están destinada a aquelas persoas entre 18 e 40 anos que desexen crear ou incorporarse a unha actividade agraria.
Tamén os pequenos terreos recibirán axudas. Priorizar os hortícolas ou frutícolas que sexan ecolóxicos e que estean situados en zonas desfavorecidas. O orzamento previsto para esta medida é de 3,5 millóns de euros e terá que manterse, polo menos, os 5 anos seguintes ao pago final da axuda.