PP e BNG discrepan sobre un posible "pelotazo" nas prórrogas do contrato do lixo
Por Redacción
Produciuse un pelotazo económico favorable á empresa Cespa como sostén o Partido Popular? Jacobo Moreira, portavoz do grupo municipal do PP, mantén que os vehículos da empresa adxudicataria do servizo de limpeza están amortizados e por tanto, nas dúas prórrogas asinadas polo goberno local o prezo do contrato tería que rebaixarse.
Para soster esta afirmación, os populares reclamaron a presenza da interventora e da xefa do servizo do órgano de xestión orzamentaria na comisión de Economía e Facenda. Moreira saíu da sesión convencido de que existe ese "pelotazo" porque, segundo entendeu destas declaracións, o goberno local non comunicou que os vehículos e o material da empresa estaban amortizados nin se estaban a facer un seguimento do cumprimento do contrato respecto dos vehículos. Segundo o portavoz do PP, recoñeceuse que a empresa está a obter un lucro como consecuencia de que os bens xa se atopan amortizados. "Estas prórrogas son un gran negocio para a empresa concesionaria", asegura Jacobo Moreira. Sinala que a empresa obtería ao redor de 700.000 euros de beneficio anuais. Isto significaría que ao longo de seis anos, Cespa obtería máis de 4 millóns de euros que non lle corresponderían segundo a opinión do Partido Popular.
Desa mesma comisión saía o portavoz do goberno, o nacionalista Raimundo González, cunha visión completamente distinta indicando que as comparecentes indicaran que non é posible establecer a prórroga cun prezo á baixa ofrecendo os mesmos servizos. González reclamaba aos populares que preguntasen a Juan Luís Pedrosa, o alcalde do PP que asinou o contrato inicial coa empresa, por que non contemplara as amortizacións para rebaixar as cantidades que se deben achegar á empresa. O concelleiro de Economía e Facenda tamén apuntaba que esa posibilidade debería estar contemplada nos pregos do contrato pero ao non recollerse non se pode prorrogar o contrato diminuíndo o prezo.
A prórroga actual de Cespa finaliza en xuño de 2017 e o goberno local quere sacar un novo concurso para a xestión dos residuos a través dunha nova adxudicación.