Rematan as obras na avenida Raíña Vitoria e na ponte dos Xulgados
Por Redacción
Dende este mediodía, o paso de peóns elevado do cruzamento da avenida Raíña Vitoria con Rosalía de Castro xa ten os dous carrís de tráfico abertos, logo de que remataran os traballos de emerxencia realizados no enlousado do paso de peóns.
Estes traballos estaban enmarcados dentro un programa de obras de emerxencia que se puxo en marcha na segunda semana de xaneiro para reparar os danos que os temporais e as fortes chuvias do mes de decembro foron ocasionando nos espazos peonís da cidade.
A rúa Peregrina, avenida de Vigo, varias zonas do centro histórico ou a glorieta de Compostela son algunhas das zonas incluídas dentro deste plan de choque que busca o mantemento e reparación de espazos e vías urbanas danadas polas persistentes chuvias que estamos a recibir neste inverno. Os danos nestes espazos públicos comportan un risco para os peóns como caídas ou accidentes.
O Concello destinou unha contía inicial de 122.000 euros para estas obras de emerxencia, pero a Xunta de Goberno Local deste luns ampliou esta contía con case 40.000 euros máis porque as persistentes chuvias estaban incrementando os danos nestes espazos públicos de elevado tránsito peonil. De feito, o concelleiro responsable da área urbana, Luís Bará explicou que nalgúns casos sería preciso levantar panos enteiros porque os danos están sendo importantes.
Aberta a ponte dos Xulgados
Por outro lado, dende as 17.00 horas desta tarde está aberto o carril pechado da ponte dos Xulgados. A apertura estaba prevista para o luns 4 de febreiro, pero o bo ritmo das obras permitiu adiantar a apertura do viario.
Consistiron en traballos de reparación dun defecto na rede de canalización de auguas pluviais da ponte, que exisiu o Concello á empresa que executa os traballos do tren do Eixo Atlántico ao seu paso pola cidade, antes de recepcionar a ponte.