Máis de 60 alumnos participan na cuarta edición do Club de Debate de Pontevedra
Por Redacción
O Pazo da Cultura acolle este sábado 2 de febreiro, a partir das 9.50 horas a fase preliminar da cuarta edición do Club de Debate no que participarán 63 alumnos de sete centros de ensino de Pontevedra e da súa comarca. Nesta fase clasificatoria os participantes terán que debatir sobre: "O estado ten que garantirlle o acceso ao traballo á mocidade?".
Os equipos participantes son o IES Torrente Ballester (10 alumnos), o IES A Xunqueira 1 (10 alumnos), o Colexio Salvador Moreno (7 alumnos), o IES Luís Seoane (8 alumnos), o IES Sánchez Cantón (10 alumnos), o IES de Ponte Caldelas (8 alumnos) e o IES de Poio (10 alumnos).
Os participantes enfrontaranse entre si e os dous mellores valorados polo xurado, composto por mestres de lingua e literatura galega e xornalistas, disputarán a final local, que será o sábado 23 de febreiro, ás 11.30 horas no Café Moderno. Os finalistas deberán debatir sobre "Temos liberdade para escoller a lingua que falamos?".
A final galega, á que chegará o mellor equipo de Pontevedra, será o sábado 4 de maio, en Santiago de Compostela. A temática será "O galego é unha oportunidade".
Unha iniciativa do Concello de Pontevedra
O Concello de Pontevedra organiza o Club de Debate por cuarto ano consecutivo. Este proxecto naceu ao abeiro do que sinala o Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico, a mocidade, e recolle a responsabilidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento.
Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación.
Cada un dos equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.