Os comedores escolares súmanse ao novo plan de reciclaxe
A concelleira de Educación, Carmen Fouces, adiantou que a Federación de Asociacións de Nais e Pais (FANPA) e a empresa Serunion, concesionaria encargada dos comedores escolares, súmanse ao novo sistema de recollida de lixo. Así, os 16 colexios pontevedreses con comedores escolares incorporarán colectores de compostaxe nos centros, para reciclar a materia orgánica.
Durante a presentación do libro 'Hoxe como non colexio!' este mércores 16, Fouces explicou que esta iniciativa trata de involucrar aos centros educativos dentro do programa municipal de reciclaxe, á vez que busca conseguir que "os nenos se sintan pioneiros dunha acción que cremos é fundamental para todo, non só desde o punto de vista económico, senón tamén ambiental".
Neste sentido, constitúe a primeira iniciativa deste tipo en Galicia, convertendo ás escolas pontevedresas en "escolas vangardistas en reciclaxe", segundo a edil.
Na presentación tamén estiveron o delegado en Galicia da empresa Serunion, Carlos Varela, e o presidente da FAMPA, Rogelio Carballo. Varela declarou que este sistema achegará datos, que ata o momento non se conseguiron, acerca da cantidade de comida que se desperdicia nos comedores. Desde os comedores escolares, monitores e monitoras contribuirán ao labor de concienciación dos máis pequenos sobre a importancia de aproveitar a comida.
'HOXE COMO NO COLEXIO!'
Que facer cando os máis pequenos da casa resístense ás comidas con abundante verde, a froita ou os legumes? Chega 'Hoxe como no colexio!', un libro ilustrado que recolle sinxelos e fáciles consellos para as familias. A través de Xulia, nais e pais poderán coidar os hábitos alimenticios dos seus fillos.
A empresa Serunion foi a encargada de desenvolver este libro co obxectivo de reforzar o labor desenvolvido nos comedores escolares que "constitúe un marco para establecer pautas educativas", segundo explicou Varela. Varios exemplares destes libros repartíronse este mércores no CEIP Campolongo, aínda que proximamente estarán a disposición dos máis pequenos nos 16 centros con comedor.
Relacionadas:
-
Pontevedra acollerá un congreso escolar sobre compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O CEIP A Carballeira contará o próximo curso con servizo de comedor
Por Redacción |
-
A Cidade Infantil Príncipe Felipe, laboratorio de probas da compostaxe
Por Redacción |
-
Están dispostos os pontevedreses a sumarse ao novo sistema de reciclaxe?
-
Cincuenta familias de Vilaboa poñen en marcha un programa de compostaxe doméstica
Por Redacción |