Comenza un novo programa provincial de envellecemento activo
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este venres a licitación do novo proxecto "Depo en marcha" de envellecemento activo destinado ás persoas da terceira idade da provincia e que foi aprobado pola Xunta de Goberno.
Co novo programa de "Depo en marcha" vaise a ofertar ás entidades da provincia que traballan coa terceira idade e aquelas que traballan no eido dos maiores, un catálogo de 29 obradoiros recollidos en oito bloques temáticos.
- "Traballando coas mans" que inclúe obradoiros de cestería, pintado de teas, reciclaxe ou arte con flores .
- "Entre fogóns": oferta obradoiros de cociña galega, elaboración de conservas, licores, panadería, repostería, tapiñas e petiscos.
- "Aprendendo da natureza": vai contar con dous obradoiros de plantas medicinais, e de poda e tarefas de campo.
- "Móvete" oferta cursos de pilates, ioga, taichí, ximnasia de mantemento e zumba.
- "Activando corpo e mente" contará con cursos de conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés.
- "Enredando" inclúe obradoiros de xogos tradicionais, teatro e fotografía.
- "Dálle Marcha" contará con bailes de salón, pandeireta e canto popular.
- "En rede" ofertará tres obradoiros sobre internet e o correo electrónico, iniciación á informática e un de informática avanzado.
A presidenta informou tamén da posta en marcha, de xeito inmediato, doutro proxecto denominado "Tecendo lazos" no que se pretende que as persoas maiores poidan transmitir as súas experiencias aos máis cativos.
"Son proxectos que poñemos en marcha en colaboración coas asociación e entidades que traballan cos maiores e cos concellos que queremos que aporten algo máis que simplemente levalos de excursión pola provincia", subliñou Carmela Silva.
PLAN CONCELLOS
A xunta de goberno tamén aprobou as últimas partidas adicadas a liña catro de Plan Concellos 2016 destinadas ao emprego. Os últimos dous concellos que faltaban eran Dozón e Sanxenxo que hoxe viron aprobadas as súas axudas por valor de 23.001 euros e 250.484 euros respectivamente.
Con estes dous últimos concellos, a totalidade de municipios da provincia teñen xa concedido a totalidade do plan de emprego, salvo Valga que decidiu optar por adicar a cantidade de emprego a inversións. Silva apuntou que en setenta días a Deputación aprobou as axudas de 9 millóns de euros para emprego en 59 concellos para a creación de 1.200 empregos.
Relacionadas:
-
Arranca o programa de actividades para a saúde física e mental en Sanxenxo
Por Redacción |
-
RADIO.- Os "yayos" que tamén dominan e se benefícian das novas tecnoloxías
Por Marisa Ciordia |
-
'Tecendo lazos' pecha esta semana con obradoiros en Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Abre o prazo de solicitude do programa "Depo en marcha"
Por Redacción |