A Universidade aforrará 100.000 euros anuais coa rebaixa do IBI que lle aplica o Concello
Por Redacción
A Universidade de Vigo viu rebaixado o pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ao Concello de Pontevedra nun 95%. Desta forma, deixará de pagar anualmente ao redor de 100.000 euros a través dun convenio de periodicidade indefinida.
Este acordo asinado durante a mañá deste venres 11 de marzo entre o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, leva diferentes colaboracións entre ambas as entidades como a proxección de Esdemga (Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda), do Green Campus, do ciclo Novos Cinemas, a Feira de emprendemento Pop-Up Store, a creación do observatorio económico, o desenvolvemento dos sistemas de voluntariado, colaboración nos eventos deportivos ou a humanización do campus, entre outros.
Salustiano Mato indicou que este acordo é "histórico" e marca un antes e un despois para o campus pontevedrés, indicando que se trata dunha achega "xenerosa e intelixente". Neste momento estas condicións non se contemplan nos campus de Ourense ou de Vigo, aínda que o equipo reitoral traballa neste sentido. Tanto Fernández Lores como Mato apuntaron que esta rebaixa impositiva reverterá con beneficios para a cidade.
Por outra banda, o alcalde da capital indicou que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciará durante a próxima semana a utilización prevista para o edificio da antiga sede da administración autonómica situado na rúa Benito Corbal. Fernández Lores afirma que espera que faga unha cesión total ou parcial destas instalacións nas que está previsto acoller as oficinas do Campus Crea.