O PP denuncia que os prezos do viveiro de empresas de Barro-Meis son superiores aos do mercado
Por Redacción
O grupo provincial do PP denuncia que o viveiro de empresas que a Deputación de Pontevedra acaba de inaugurar no polígono de Barro-Meis é "inaccesible", xa que os prezos que fixaron para as naves, espazos de coworking e oficinas están por riba dos do mercado libre. A situación é aínda máis grave noutro punto da provincia, o polígono Lalín 2000, que practicamente duplica ao de Barro-Meis, unha situación que relatan nunha moción que levarán ao vindeiro Pleno da Deputación.
O PP defende que o antigo goberno da Deputación xa deixou encamiñados estes viveiros de empresas, pero os prezos que fixou a administración actual fan que o que era unha oportunidade sexa algo inaccesible. Tanto Lalín como Barro-Meis son zonas de interior lonxe dos grandes centros industriais e de produción, polo que "é preciso que haxa unha sensibilidade política que permita ofrecer aos futuros usuarios e emprendedores uns prezos que signifiquen unha discriminación positiva".
Segundo denuncia o PP, os prezos do viveiro de empresas de Barro-Meis superan aos do mercado libre, o que a xuízo dos populares pon en cuestión a súa viabilidade e utilidade como niño para o inicio e crecemento de actividade económica. Un emprendedor que opte por este viveiro deberá abonar 3,12 euros por metro cadrado para cada unha das oficinas o primeiro ano, ascendendo ata 6,24 euros por metro cadrado no terceiro ano. No caso das naves, os prezos fíxanse en 2,62 euros por metro cadrado o primeiro ano e 5,24 euros o metro cadrado o terceiro polas súas respectivas naves.
Para soster as súas críticas, os 'populares' indican que os prezos do mercado libre están moi por debaixo desas cifras no caso das naves, situándose entre 1,25 euros o metro cadrado e 2,50 euros o metro cadrado para espazos industriais situados nas inmediacións da AP-53.
Ademais de esixir ao bipartito da Deputación que aprobe uns prezos asequibles para os viveiros de empresas, o grupo PP tamén propón que abran liñas de colaboración cos colectivos e asociacións empresariais, porque din que son eles quen coñecen a realidade da situación empresarial e polo tanto deberían ter un papel preponderante tanto no impulso aos novos proxectos, como na xeración de sinerxias con aqueles que inician a súa actividade.
Relacionadas:
-
Tres novas empresas se instalan no polígono de Barro-Meis
Por Redacción |
-
Catro novas empresas ultiman os trámites para instalarse no viveiro de Barro-Meis
Por Redacción |
-
Estrea das instalacións do viveiro de empresas no polígono de Barro-Meis
Por Redacción |
-
O viveiro de Barro-Meis estrearase cunha xornada de emprendemento
Por Redacción |
-
A Escola de Organización Industrial realizará accións de coworking no polígono de Barro-Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Abren o prazo para solicitar espazos no viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis
Por Redacción |