O arquivo da causa sobre os presuntos 'enchufes' de Cespa en Pontevedra chegará á Audiencia
Por Redacción
O fiscal xefe da Audiencia Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, recorreu o arquivo provisional da causa aberta para investigar os presuntos 'enchufes' na contratación do persoal da empresa Cespa para prestar o servizo de limpeza e recollida de lixos do que é concesionaria.
O titular do Xulgado de Intrucción número 2 da cidade decidiu o arquivo provisional do procedemento, pero o fiscal decidiu recorrelo, de tal modo que agora a causa chegará á Audiencia Provincial, segundo avanzou este xoves o xornalista Alfredo López Penide en La Voz de Galicia.
O xuíz instrutor, Xermán Varela, recollía no seu auto que procedía ao sobresemento provisional da causa, pero instaba á Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional a realizar novas dilixencias, en tanto entendía que as probas achegadas ata o momento por esa unidade policial "non existen, nestes momentos, indicios sólidos para atribuír concretos feitos delituosos a persoas determinadas".
O fiscal xefe recorreu o arquivo, nun primeiro momento, ante o propio xuíz instrutor e, ao serlle desestimado, recorreu ante a Audiencia Provincial.
A investigación, unha peza separada da operación Patos, partía dun informe elaborado pola UDEF no que citaban un documento atopado durante un rexistro na o sede da empresa Cespa e sinalaban que se evidenciarían diversas contratacións de traballadores que serían suxeridas por políticos e técnicos municipais. Entre os citados como 'mentores' destes enchufes estarían o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ou varios edís do grupo de goberno.
Os axentes conclúen que, en Pontevedra, constan como contratados unhas 14 persoas que, segundo o informe, serían enchufados non só por políticos senón tamén por diferentes técnicos municipais ou mesmo por un axente da Policía Local. Pero o xuíz entende que o documento intervido en Cespa é "de autoría e data descoñecidas" e non supón un "indicio sólido" de que se cometese delito algún.
Relacionadas:
-
Carpetazo xudicial aos enchufes en Cespa: a xustiza non aprecia delito e arquiva a causa
Por Alejandro Espiño |
-
O fiscal pide que se arquive a segunda causa da operación Patos derivada a Pontevedra, a relativa a Ence
Por Natalia Puga |
-
O xuíz sobresé de forma provisional a causa dos supostos "enchufes" en Cespa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Concello nega "rotundamente" estar relacionado con enchufes nas contratacións de Cespa
Por Alejandro Espiño |
-
Operación Patos: Unha xornada de rexistros
Por Mónica Patxot |
-
Rexistros en Deputación e Concello na busca de contratos de obras públicas con varias empresas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada