Veciños de Cotobade e Cerdedo esixen que se paralice unha fusión "delirante e interesada"
Por Alejandro Espiño
Unha fusión sen contar cos veciños, sen ningún tipo de informe de viabilidade e sen realizar unha auditoria externa sobre a situación dos dous municipios. É dicir, sen facer "todo o necesario" para iniciar un trámite destas características. Así explicou Corina Rodríguez, portavoz da plataforma Non á fusión Cerdedo-Cotobade, a súa oposición a un proxecto que "non é viable" e supoñerá unha "morte lenta" para ambos os concellos.
Esta fusión é "delirante e interesada" e esixen que se paralice o proceso ou, polo menos, que se convoque unha consulta popular vinculante en ambos os municipios. "Sería un paso", afirmou esta moza de Cotobade que foi a encargada de ler o manifesto de constitución desta plataforma veciñal que, a partir de agora, liderará todos os esforzos para frear unha fusión que prexudica "gravemente" tanto a Cerdedo como a Cotobade.
"Polos poucos datos que nos dan, isto non vai ser viable", reiterou Corina Rodríguez, que expresou a opinión compartida polos membros da plataforma de que esta fusión non solucionará os problemas demográficos de ambos os concellos, que non supoñerá aforro algún e que pon en perigo a continuidade de servizos que dependen doutras administracións como colexios e centros de saúde, xa que "non estará en mans dos alcaldes".
Ademais, Rodríguez lembrou que Cerdedo e Cotobade non pertencen á mesma comarca nin ao mesmo partido xudicial, o que podería provocar certos problemas.
Entende que ao ser Cotobade o concello de maior poboación, tras a fusión ambos pasarían a depender de Pontevedra, pero sinalou que o partido xudicial da Estrada "periga" se perde Cerdedo e ao non estar "tan saturado" como o de Pontevedra, temen que ao final tamén Cotobade pase a estar adscrito a este por razóns dun "efectivo funcionamento" dos xulgados, causando un "grave prexuízo" aos veciños.
Pero por encima de todo, os membros desta plataforma lamentaron que "se tan boa é a fusión, todos son vantaxes e non hai inconvenientes como nos din", por que este asunto non foi incluído no programa electoral co que Jorge Cubela e José Balseiros se presentaron aos pasados comicios locais "hai só uns meses" e non defenderon nese momento a decisión que ían adoptar.
Pedro Peón, veciño de Cerdedo e outro dos portavoces desta plataforma, insistiu en que esta fusión é unha decisión "unilateral" de ambos os alcaldes e lamentou que a única información que se deu aos veciños é unha "ridícula fotocopia con catro conceptos destacados en coloríns" e unha carta asinada polos rexedores sobre as "supostas bondades" desta fusión, todo iso feito dunha maneira "chabacana, mañosa e con falta de rigor".
Esta fusión, subliñou, é un "insulto á intelixencia" e sinalou que é "paradoxal" que o Partido Popular que está "tan preocupado porque rompe España, non teñen pudor ningún en romper a comarca de Terra de Montes e quedar tan anchos".
Aseguran que recorrerán a todas as instancias posibles "dentro da legalidade" para frear esta fusión e, neste sentido, este mércores 9 de marzo os veciños serán recibidos polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e proximamente trasladarán ao Parlamento a súa preocupación ante un asunto de "suficiente gravidade" ao entender que afecta á constitución territorial da comunidade.
Relacionadas:
-
O BNG presentará unha iniciativa no Parlamento opoñéndose á fusion Cerdedo-Cotobade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os alcaldes de Cotobade e Cerdedo serán recibidos na Deputación "cando toque" elaborar o informe preceptivo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Mosquera advirte a Cotobade e Cerdedo que fusionados perderán 300.000 euros ao ano da Deputación
Por Alejandro Espiño |
-
Cotobade e Cerdedo consultan á Xunta sobre a legalidade dun referendo sobre a fusión
Por Alejandro Espiño |
-
Cubela ve "atrancos" por parte da Deputación no proceso de fusión entre Cerdedo e Cotobade
Por Redacción |
-
Cotobade aproba iniciar o proceso de fusión co concello de Cerdedo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Cubela acusa o PSOE de impulsar unha plataforma veciñal para "rebentar" a fusión con Cerdedo
Por Redacción |