A segunda Sétima Feira estará dedicada ao téxtil
Por Redacción
Tras o éxito da primeira edición, a Sétima Feira está de volta. Como prometeran os seus organizadores, cada segundo sábado de mes o primeiro andar da Praza de Abastos reconvértese nun espazo para a venda e o emprendemento dos creadores locais. E este sábado 12 de marzo estará centrada no sector téxtil.
Esta iniciativa, promovida pola área de Promoción Económica do Concello, volverá apostar pola colaboración entre os novos creadores e o comercio local.
Así, das case cincuenta solicitudes foron seleccionadas quince, elixindo experiencias e proxectos creativos galegos onde están presentes valores e elementos como a sostibilidade, o feito a man, a tradición e a proximidade.
A Sétima Feira abrirá as súas portas ás once da mañá coa apertura dos postos de venda. Ademais de obradoiros infantís, haberá espazo para a gastronomía e música da man da banda Querido Extraño, que actuará ás 13.00 horas, e do DJ Javi de la Torre.
Para a seguinte edición, que será o segundo sábado de abril, xa está aberta a convocatoria.
Tamén se poden recoller os formularios de inscrición e solicitar información na Oficina de Sétima Feira (rúa Serra 3, con horario de apertura os mércores, xoves e venres de 10:00 a 13:00). O correo electrónico de contacto é setimafeira@pontevedra.gal e o teléfono é o 886203734.
Relacionadas:
-
A moda sostible galega despide ata setembro a Sétima Feira
Por Redacción |
-
Kandinsky e a moda coincidirán este sábado no Mercado de Abastos
Por Anxo Lourido |
-
A imaxinación aniña na primeira planta do Mercado
Por Redacción |
-
Quince creadores pontevedreses participarán na primeira Sétima Feira
Por Redacción |