O PP segue sen respostas sobre os traballos nos terreos da Canicouva
Por Redacción
O Grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra lamentou que o grupo de goberno do BNG non informe sobre os traballos que se están a levar a cabo nos terreos da Canicouva, tal e como lle solicitaron os populares o pasado 17 de febreiro.
Dende o PP lembran que por estes terreos os pontevedreses están a pagar anualmente 20.000 euros á Comunidade de Montes desta parroquia.
O portavoz popular, Jacobo Moreira sinalou este luns que hai vinte días que fixeron esta petición e, "a pesar de transcorrer tempo suficiente", dende o goberno local aínda non lles remitiron contestación.
"Esta semana cúmprense tres meses dende que o Goberno do BNG asinou o contrato de alugueiro dos terreos da Canicouva, pero lamentablemente seguimos descoñecendo o proxecto dos nacionalistas para estas parcelas", denunciou o edil popular.
Jacobo Moreira considera que "o proxecto de construción dunha planta de compostaxe foi dende un principio froito da improvisación" e lembra que "a pesar de asinar o convenio o pasado mes de decembro, o Alcalde aínda non ten claro como se vai levar a cabo, nin as dimensións, nin si se tratará dun proxecto exclusivo do Concello, si colaborará a Deputación, ou será unha empresa privada a que a xestione".
"A última improvisación dos nacionalistas é que cada veciño do rural xestione o seu propio lixo a través de composteiros individuais, unha idea que o BNG anunciou como unha imposición", manifestou o portavoz popular que insiste en que "o Partido Popular non vai permitir que esta medida sexa imposta por un Goberno que non conta con maioría absoluta".
Relacionadas:
-
O PP afirma que non se está a realizar ningún traballo nos terreos que acollerán a planta de compostaxe
Por Redacción |
-
A Lores "non lle entran na cabeza" as críticas do PP ao novo plan de tratamento de lixo
Por Redacción |
-
O PP critica que o goberno de Lores trate de xestionar o lixo sen consultar coa oposición
Por Redacción |
-
Pontevedra porá en marcha un novo sistema de recollida selectiva de lixo nun ano
Por Anxo Lourido |