O "espectáculo segredo" de Louzán
Por Oskar Viéitez
A cita de Fitur é un escenario propicio para todo tipo de encontros.
Por exemplo o que tivo lugar entre o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o "aínda" presidente local do Partido Popular, Telmo Martín. Ocorreu mentres este último charlaba nun corrillo coa alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, o de Vilanova, Gonzalo Durán, e PontevedraViva. Foi breve pero intenso.
Un apretón de mans, e dous "que tal?". Foi todo.
Sobre o corrillo. Obviamente o tema do día era a contabilidade B de Bárcenas. O escándalo é maiúsculo e a preocupación dos políticos locais é xeralizada. O resto é Off the record.
"Que dixo Cospedal?", preguntaba Louzán. O presidente da Deputación mostrábase contrariado por se o escándalo restaba protagonismo ao contido da rolda de prensa sobre turismo. Non houbo preguntas. Sorrisos de alivio.
Polo pavillón galego de Fitur tamén pasou o ex alcalde capitalino, Juan Luís Pedrosa. "E agora que fas?" Preguntoulle un amigo despistado "agora son o Director de Salvamento Marítimo". Noraboa, felicítanlle cun ano de atraso.
Polo pavillón galego paseáronse moitos políticos e responsables de organismos públicos, pero ningún atraeu tanta atención como a ministra de Fomento, Ana Pastor. Moi saudada por todos, especialmente polo alcalde, Fernández Lores.
Con ela non houbo piedade "Señora Ministra. Sobre os papeis de Bárcenas???" Pastor asegurou que "jamás" viu cometer "ningún tipo de irregularidad", en relación aos supostos pagos en sobres do PP e deixou claro que "si hubiera tenido conocimiento de tales hechos lo hubiera puesto en conocimiento de la Justicia". A saída da responsable pontevedresa de Fomento deixou medio baleiro o pabellón.
Hiperactiva tamén estaba a concelleira pontevedresa de Turismo, Carlota Román, que vendo como Lores non lle seguía o ritmo non dubidou en collerlle da man para cumprir o completo programa de actividades.
Todo un detalle o do presidente da Deputación cos xornalistas que, atarefados cos seus quefaceres, chegaron ao comedor cando estaba totalmente ocupado. Louzán non dubidou en levantarse e deixar a súa mesa libre sen que el terminase a comida. Por certo comeron conservas de Cuca.
O xesto foi moi apreciado. Louzán por certo asegurou que garda un "segredo" relacionado con La Vuelta, algo sobre "un espectáculo para que a imaxen das Rías Baixas non se esquenza". Pero iso contarémolo outro día?