Ponte Caldelas ordena ao Arcebispado de Santiago reparar a igrexa de Caritel
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas enviou ao Arcebispado de Santiago, como propietario da igrexa parroquial de Caritel, unha resolución na que se lle ordena a execución das obras necesarias para conservar o inmoble en condicións de seguridade, salubridade, ornato público e calidade ambiental, cultural e turística.
Asi llo deron a coñecer o alcalde, Andrés Díaz; o tenente de alcalde, Alfonso Gutiérrez, e o concelleiro nacionalista Manuel Barreiro aos veciños de Caritel durante unha reunión celebrada para explicar os pasos dados polo Concello ante o problema de conservación detectado na espadaña da igrexa desta parroquia.
Andrés Díaz informou que, tan pronto como tivo coñecemento da situación, o goberno local encargou un informe técnico á arquitecta municipal co fin de que fixera un análise pormenorizado do estado do inmoble e do campanario, que presentaba mostras claras de deterioro. A raíz desa inspección o Concello enviou ao Arcebispado a citada resolución.
Proponen esta orde de execución de obras de conservación e de mellora baseándose nun informe da arquitecta municipal no que se recolle que "os contrafortes que axudaban ao soporte do campanario separáronse do mesmo, traballando agora ámbolos dous elementos de xeito independente. Deste modo estamos ante un dobre risco, posto que, por un lado, poderían desplomarse os contrafortes que soportaban o campanario sobre a cuberta da Igrexa e por outro existe o risco de derrubamento de todo o campanario".
No escrito remitido polo Concello ao Arcebispado dáselle un prazo máximo de 3 meses para que proceda á execución das obras e tamén se lle ordena que proceda ao valado do perímetro do campanario para garantir a seguridade e evitar os danos que puidese ocasionar o derrubamento da citada edificación.
Tamén se lle dá ao Arcebispado a posibilidade de presentar alegacións nun prazo máximo de 15 días que deberán ir acompañadas da pertinente documentación e xustificacións advertíndolle de que, en caso de incumprimento inxustificado da orde de execución, a Administración actuante poderá adoptar medidas de execución forzosa.
Por outra banda, os veciños explicáronlle ao alcalde que solicitaran unha entrevista co obispo en Santiago para analizar este tema e que procederán de inmediato a realizar unha recollida de sinaturas na parroquia co fin de facer a todos os feligreses partícipes desta petición. Logo trasladarana ás autoridades eclesiásticas para atopar a súa máxima comprensión e colaboración neste tema. O alcalde, Andrés Díaz, ofreceuse a acompañar aos veciños nesa visita a Compostela.