Pontevedra quere compartir o premio Intermodes con Fomento, Xunta e Deputación
Por Alejandro Espiño
Pontevedra está "abrumada" pola magnitude que está alcanzando o premio Intermodes 2013, concedido á cidade polo seu modelo de calidade urbana. "Non eramos especialmente coñecedores do alcance deste premio", recoñece o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. "A medida que van pasando os días estamos vendo que está tendo unha repercusión e unha transcendencia que é moito maior do que pensabamos".
Explica César Mosquera que, desde que se concedeu este recoñecemento a Pontevedra, foron moitos os organismos e cidades, entre elas Múnich, Barcelona ou Liverpool, os que se dirixiron ao goberno municipal para solicitar máis información sobre o modelo de cidade.
Por iso é polo que "dado o significado que ten o premio", do que recordou que é a primeira vez que se concede a unha cidade, o Concello de Pontevedra optou por facer partícipes a outras administracións que colaboraron, dun xeito ou outro, no proxecto de mobilidade da cidade. "Non ten sentido acaparar un premio que é de todos", explicou o edil nacionalista.
Neste sentido, cursáronse invitacións, para que acudan á entrega do premio en Bruxelas co alcalde, á ministra de Fomento, Ana Pastor, ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e ao presidente da Deputación, Rafael Louzán. Deste último dixo Mosquera, "foi a administración que, desde sempre, foi máis sensible ao modelo de cidade de Pontevedra".
Ademais de recoller o premio, Pontevedra participará nunha mesa redonda sobre mobilidade, con responsables desta área das cidades de París ou Amsterdam e, aproveitando a súa presenza en Bruxelas, Miguel Fernández Lores entrevistarase co director xeral de Mobilidade e Transporte, Matthias Ruete, dependente do Comisario de Transportes da Unión Europea.
E segundo explicou César Mosquera, o material que nutrirá de contido o stand promocional que Pontevedra terá no congreso Intermodes, "xa está case completo". Editáronse 300 exemplares dunha revista en inglés que glosa as bondades do modelo urbano pontevedrés, estase ultimando unha serie de videos que se proxectarán durante a entrega do premio e remitiuse a Bruxelas o relatorio da conferencia na que participará Pontevedra.