Ciudadanos propón que o IMD asuma a xestión das instalacións deportivas de titularidade municipal
Por Redacción
Ciudadanos segue insistindo na súa proposta de que todas as instalacións deportivas de titularidade municipal sexan xestionadas polo Instituto Municipal de Deportes, IMD, en lugar dos clubs. Con esta máxima preténdese evitar que estes teñan que buscar alternativas fóra de Pontevedra para realizar os seus adestramentos, como está a suceder agora. "É a queixa xeneralizada que recollemos nos encontros que mantivemos cos clubs deportivos pontevedreses", dicía Luís Miguel Lamas, representante de Ciudadanos no IMD.
Ademais "para dinamizar a actividade deportiva" expuxeron que se permita un acceso gratuíto ás instalacións para os cidadáns e clubs. Noutro ámbito, Lamas, engadiu que se aplique un baremo para a selección de técnicos e delegados que representen ao Concello de Pontevedra en eventos deportivos.
Algunhas destas demandas xa foron reflectidas mediante moción por Ciudadanos que as levou ao pleno do pasado decembro, "pero ata a semana pasada non tivemos resposta", dicía Luís Miguel Lamas.
Nesta última Xunta Reitora do IMD, o BNG votaba en contra de todas as formulacións, mentres que PSdG e PP, nuns casos abstivéronse e noutros votaron a favor.