Celebración do Día da Paz nos colexios
Por Redacción
Os colexios de Pontevedra festexaron con actos multitudianrios o Día internacional da paz e da non violencia.
No colexio de Praceres, os alumnos e os veciños da parroquia achegáronse ao mediodía ao adro da igrexa da parroquia e alí tras ler un manifesto, cantaron, bailaron e solgaron pombas nun acto moi emotivo. No colexio Sagrado Corazón baixo o lema "Escoita" e coa auga como tema referente sobre o que están a traballar durante todo o curso, elaboraron un xardín vertical nun espazo do colexio. Un traballo realizado con botellas de auga nas que plantaron especies aromáticas e ornamentais. Ademais filmaron un vídeo sobre os preparativos desta iniciativa.
No CEIP San Benito de Lérez os alumnos de quinto e sexto curso enviaron unha mensaxe de Paz por radio usando equipos de radioafeccionado con motivo da celebración desta xornada. Membros do Radio club ASORAPA de Padrón desprazáronse ao centro e montaron unha estación de radioafeccionado, composta por un transceptor e un dipolo simple, ao igual que outras asociacións repartidas por colexios e institutos da península e Canarias, facendo así que os estudantes de distintos centros mantiveran comunicación entre eles.