Acordan modificar o PXOM de Vilagarcía para facilitar a ampliación de LARSA
Por Redacción
Luz verde á pretendida ampliación da fábrica de LARSA en Vilagarcía. A Xunta de de Galicia e o Concello de Vilagarcía acordaron facer unha modificación puntual do PXOM, vixente desde o ano 2000, para permitir ampliar e modernizar as instalacións da empresa láctea na finca de Os Martices. Trátase dunha medida que, segundo os responsables da compañía, permitirá a creación de novos postos de traballo.
A vinculación da empresa con Vilagarcía, dende o ano 1933, unida á ubicación estratéxica situada á entrada da vila, na zona de As Carolinas, que está directamente comunicada tanto coa estrada nacional como coa autoestrada, foron decisivas para que a empresa apostase por Vilagarcía de Arousa para renovar as instalacións e ampliar a súa produción, na que ten previsto invertir nos vindeiros dous anos 4,4 millóns de euros.
Foi o principal acordo ao que se chegou nunha xuntanza de traballo en Santiago de Compostela e no que participaron a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o Director Xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, e responsables da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta S.A (LARSA).
A modificación puntual será impulsada polo Concello de Vilagarcía despois de que a empresa, que na actualidade crea 130 postos de traballo, entre directos e indirectos, amosase á administración local a necesidade de ampliar as súas instalacións, e a Xunta mostrase a súa disposición a axilizar ao máximo a tramitación co fin de que unha vez iniciada polo concello esté lista nun ano.
Obxecto da modificación
A modificación ten como obxectivo descatalogar unha parte da finca de Os Martices donde se desenvolve a actividade industrial que está ocupada por unha antiga vivenda, unha capela, un cruceiro e a cheminea, esta última construída en 1964. En total son 20.000 m2, dos que tanto a vivenda e o seu conxunto, como a cheminea, serán cedidos ao concello, vía convenio, xunto cunha parcela de 7.000 m2 que posteriormente serán obxecto dun proxecto de rehabilitación.
Entre outros dos compromisos da empresa incluídos no convenio, está a de separar a parte que será cedida ao concello e que da a rúa, coa meramente industrial cunha pantalla vexetal, así como o demoler no prazo de dous anos parte das naves que rodean á antiga cheminea, que na actualidade están en desuso, para a súa posta en valor. Así como tamén búscase mellorar considerablemente o sistema de depuración da fábrica e novas cesións ao concello tanto para rematar a apertura dunha rúa incluída no PXOM vixente, como para ampliar outras anexas.