Localizan o autor da brutal agresión ao quiosqueiro do mercado
Por Natalia Puga
A Policía Nacional logrou identificar e localizar á persoa que presuntamente agrediu a Benigno Meijoeiro Abilleira, o responsable do quiosco situado no exterior do mercado de abastos de Pontevedra, que na tarde do luns foi atacado por un home cun casco que lle rompeu o nariz e deixoulle os dous ollos morados.
O autor da brutal agresión logrou ser identificado grazas aos datos achegados polas testemuñas dos feitos, que mesmo anotaron a matrícula da moto na que chegou e fuxiu o agresor. Tras ser localizado, non foi detido, pois a natureza dos feitos que se lle atribúen non recomendan a detención, senón só a identificación e posterior traslado do atestado policial ao xulgado para que siga co procedemento. Acúsaselle dun delito de lesións leves.
Benigno Meijoeiro foi asaltado sobre as 16.45 horas do luns no lateral do mercado por un home que chegou a bordo dunha moto e que lle seguía xa desde a avenida de Uruguai. El viña en coche e nun momento dado da circulación a moto viuse obrigada a realizar unha freada repentina, pero sen que ambos os vehículos chegasen a chocar. Despois diso, renovaron a marcha, pero o motorista xa ía tras el e, cando se detivo á beira do seu negocio, abordouno.
Nun primeiro momento, segundo relatou o agredido a PontevedraViva, o motorista colleu o casco e deu dous golpes no cristal do coche. Xusto despois, cando o quiosqueiro abriu a porta para saír e preguntarlle que pasara, atacouno, golpeouno co casco no nariz e, do impacto, arroxouno de novo ao interior do vehículo.
Dentro do coche seguiu pegándolle sen que el puidese defenderse, pois quedou inconsciente e ten un brazo amputado. Tiveron que intervir dúas empregadas dun supermercado próximo para separarlos e, nese momento, o agresor colleu a súa moto e foise. A Benigno sacárono do coche e tivo que ser atendido por unha ambulancia.