29 toneladas de lixo electrónico en Vilagarcía
Por Redacción
O servizo municipal de Vilagarcía de recollida de aparatos electrónicos e eléctricos (RAEE) xestionou durante 2012 máis de 28.700 quilos destes residuos no Punto Limpo de Pinar do Rei. Este servizo gratuíto para particulares ten como base dar un tratamento de electrodomésticos de todo tipo e facilitar así a reciclaxe de materiais recuperables garantindo a eliminación axeitada dos que poidan resultar contaminantes.
Das case 29 toneladas recollidas a maior parte correspóndense con electrodomésticos de tamaño mediano, televisores e equipos informáticos. De feito, a suma deste tipo de residuos chegou aos 25.800 quilos.
O grupo de electrodomésticos de grandes dimensións, como os frigoríficos, sumou 2.819 quilos máis, mentres que no apartado de aparatos electrónicos de consumo, lámpadas e tubos fluorescentes se sumaron 115 quilos.
A empresa que se encarga deste servizo trata ese material en plantas de xestión de residuos. Un sistema que supón un importante beneficio para o Concello en materia ambiental, ao proporcionar un sistema de eliminación de residuos e respectuoso co medio.