Feijóo chamou a Lores para evitar que Rajoy fora nomeado 'non grato' en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O presidente da Xunta tentou evitar que a corporación municipal de Pontevedra nomease a Mariano Rajoy como persoa non grata na súa cidade. E como a moción presentárana PSdeG-PSOE e Marea, entendía que a mellor opción para iso era presionar ao BNG. E así foi, nunha chamada que Alberto Núñez Feijóo realizou, sen éxito, ao alcalde de Pontevedra na mañá do domingo, un día antes da sesión plenaria.
"Chamoume para que non votáramos a favor", recoñeceu Fernández Lores a preguntas dos xornalistas. Pero máis aló deste contacto telefónico, o alcalde lamentou que este tipo de comunicacións non se dean para "outras cousas" como para comprobar se Pontevedra "necesita algo" do goberno autonómico ou se se poden axilizar temas pendentes como a cesión do edificio de Benito Corbal ou os novos xulgados.
O alcalde de Pontevedra recoñeceu que "non é prato de bo gusto" aprobar unha reprobación deste tipo e que é "feo" que un presidente do Goberno recibise tal declaración na súa cidade, pero entende que "non merece outra cousa" porque non fixo "nada decente" polos pontevedreses.
"Un señor en funcións nos condena a 60 anos máis de Ence e logo cae dun guindo cando é nomeado persoa non grata. Que as pense antes de facelas", asegurou o alcalde tras facer referencia á entrevista concedida por Rajoy á cadea 13tv.
Lores sinalou que con esta declaración como persoa non grata non se está alentando, como denunciaron desde o PP, "nada de violencia, nin sequera verbal", xa que entende que violencia "é a que exercen eles" cando prohiben entrar no Parlamento a calquera persoa que busca "defender os seus intereses".
Sexa como sexa, Lores reiterou que este asunto non pode "apartar o foco" da cuestión central, a prórroga a Ence. Trátase dunha decisión, reiterou, que "non hai por onde collela" e que vai en contra dos intereses "da maioría" dos cidadáns de Pontevedra porque "non defende os postos de traballo" senón aos accionistas dunha empresa que "nos está roubando a ría".
Así, advertiu que o Concello de Pontevedra estará "vixiante" para poder revogar esta prórroga "por todas as vías posibles" e avanzou que se se concreta en Madrid un goberno "alternativo" ao do PP, no que estea o PSOE e Podemos, esixiranlles que que cumpran os seus compromisos para reverter esta decisión.
Relacionadas:
-
O ministro do Interior cre que o Concello incita ao odio ao declarar non grato a Rajoy
Por Oskar Viéitez |
-
Núñez Feijóo cualifica como "ridículo y sectario" o nomeamento de Rajoy como "persoa non grata"
Por Anxo Lourido |
-
Rajoy, "dolido" por ser persoa non grata: "Podría decir que me importa un bledo, pero no me gustó"
Por Alejandro Espiño |
-
Mariano Rajoy, 'persoa non grata' en Pontevedra tras un pleno bronco e cheo de tensión
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Dirixentes do PP e traballadores de ENCE defenden a Rajoy antes do Pleno
Por Redacción | Creada e actualizada