O Concello acusa ao Porto de actuar con "mala fe e deslealtade" con respecto ao subministro de auga
Por Alejandro Espiño
O conflito da auga entre o Concello de Pontevedra e a Autoridade Portuaria de Marín non parece estar próximo a solucionarse. Raimundo González insiste en que "hai unha mala fe e unha deslealtade do Porto" co tema da auga e mantén a súa denuncia pública. "O Porto colle auga do subministro de Pontevedra mediante unha toma ilegal e non nos paga nin un só euro polo que consumen". Unha débeda que cifra nun millón de euros.
Así se demostra, di, nas numerosas sentenzas xudiciais dictadas ao seu favor. ÿ a resposta municipal ao comunicado remitido polo Porto no que aseguraba que non debía nin un só euro a Pontevedra polo subministro de auga, xa que lla fornece o Concello de Marín, a quen lle pagan as facturas correspondentes. Pedían ademais ao Concello de Pontevedra que deixasen de "intoxicar" con este asunto.
Pero lonxe de rectificar, Raimundo González aportou novos datos. O concelleiro de Facenda reflexionou sobre a "contradición" da Autoridade Portuaria, xa que desvelou que hai apenas cinco días remitiron un escrito a Aquagest, a concesionaria da auga en Pontevedra, "para que certificasen a calidade da auga que reciben". Por iso, o edil preguntouse irónicamente "por que se dirixen a Pontevedra se a auga é de Marín? Non será que nola collen a nós?".
Raimundo González asegura que o Porto "meteuse nun berenxenal fino". Recorda que na súa defensa xurídica, para non pagar a Pontevedra pola auga, alegan que son suxeito pasivo, que non consumen auga, e que son as empresas as que deben pagar. "Pero entón como é que pagan a Marín, non quedamos que son suxeito pasivo?", reflexionou ou edil de Facenda. "Aquí ata podería haber responsabilidades do Porto, porque lle estaría pagando a outra administración sen motivo".
En todo caso, a intención do Concello de Pontevedra é que o Porto "abone a auga que distraen do subministro e que é propiedade de Pontevedra". Pagarlla a Marín, dixo, "é como se compras un coche nun concesionario e págaslla a outro". Asegura que "estudamos vías para solucionalo" e chegar a un acordo, xa que recoñece que cortarlles o subministro "sería a última opción", ao entender que sairían prexudicadas as empresas "que si pagan e moi ben ademáis ao Porto por esa auga".
Relacionadas:
-
Pontevedra e Marín asinan a paz polo conflito do subministro de auga ao porto
Por Redacción |
-
Pontevedra e Marín amosan a súa vontade de resolver o conflito do subministro de auga ao Porto
Por Alejandro Espiño |
-
O Porto de Marín nega ter débedas con Pontevedra pola auga e pide ao Concello que "deixen de intoxicar"
Por Redacción |
-
A Igrexa paga o IBI en Pontevedra, o Porto de Marín non fai o mesmo coa agua
Por Alejandro Espiño |