A Fiscalía investiga si a confraría de Cambados sobrevalorou un barco construído con fondos públicos
Por Redacción
A Confraría de Pescadores de Cambados podería ter cometido unha irregularidade na xestión de axudas públicas ao sobrevalorar un barco construído con fondos da Unión Europea e a Xunta de Galicia.
Se se cometeu ou non esta irregularidade está agora en mans da Fiscalía de Delitos Económicos de Pontevedra, que recibiu a denuncia dun particular e abriu unha investigación para solicitar toda a información necesaria para aclarar os feitos.
O primeiro colectivo en denunciar esta suposta actuación ilegal da Confraría de Cambados foi a Asociación Galega de Mariscadoras (Agamar), que relata a "percepción indebida de axudas públicas pola Confraría de Cambados, de subvencións sobre o Fondo Europeo da Pesca (Fondos FEP) para a construción do buque Tragove, realizada nos Estaleiros Polináutica, S.L. de Cambados no ano 2009 e cun valor que ascendeu a máis de 340.000 euros, correspondendo 176.104,58 euros á cantidade aboada en concepto de subvención pola Xunta de Galicia e a Unión Europea,".
Segundo Agamar, a taxación económica realizada por funcionarios da Xunta determina que o valor do buque Tragove non superaría os 161.170 euros. Por iso, a Consellería do Mar viuse obrigada a promover o oportuno procedemento de reintegro e devolución das contías indebidamente percibidas pola devandita confraría por importe de 84.082,58 euros, máis os oportunos intereses de demora polo que a contía total a devolver, a cargo das depauperadas arcas da Confraría de Cambados, superará os 100.000 euros".