A investigación escolar plásmase nunha nova edición de Pontenciencia
Chega a terceira edición de Pontenciencia, un evento que busca estreitar a relación entre o alumnado de educación primaria e a comunidade universitaria, no que os protagonistas son os nenos.
Para participar pódese facelo a través de dúas modalidades diferentes: Ciencia no Cole ou Ciencia en Familia. En ambos os casos, os interesados poderán realizar proxectos de investigación escollidos poden ser de temática libre ou escollidos entre os propostos pola comisión científica universitaria. Tanto os colexios como as familias poderán dispoñer dunha axuda económica a través de bolsas para a realización dos seus traballos. Todas as iniciativas desenvolvidas recibirán un diploma acreditativo. Pero ademais tamén optarán a algún dos tres premios establecidos en ambas as categorías con dotacións de entre 75 a 450 euros. Na categoría Ciencia en Familia repartiranse catro accésit, segundo explicaron este xoves 18, a concelleira de Educación, Carmen Fouces, xunto co vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, no Concello de Pontevedra.
Para a entrega destes recoñecementos expoñeranse os proxectos durante o 3 de xuño, no caso dos realizados polos colexios, e o 4 de xuño no caso das familias. Tamén durante estas dúas xornadas levarán actividades complementarias como, por exemplo, talleres de robótica ou gastronómicos entre outros. Tamén se presentará un espectáculo científico.
Polo momento cóntase coa intervención de oito colexios pontevedreses e de 12 familias, aínda que se espera que este número siga crecendo. Para animar á participación realizarase un obradoiro o vindeiro mércores 24 de febreiro na sede da Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA).