Esixen que prohíban circos con animais en Pontevedra e compáranos coa "tortura da tauromaquia"
Por Redacción
"Para os animais, o circo non é divertido". Baixo esa premisa, a Asociación Cultural Revira quere manifestar a súa repulsa pola presenza dun circo de animais no Concello de Pontevedra. Fan un chamamento á cidadanía para protestar contra "un exemplo de tortura similar ao da tauromaquia" nas concentracións que se celebrarán o sábado 2 de 16:30 a 21:00 horas e o domingo de 16:30 a 19:00 horas.
"Os circos representan un espectáculo que busca ser agradable, divertido e fomentar valores positivos nos cativos pero tamén no resto de persoas que acoden ás súas funcións", aseguran desde A Revira. Pero apuntan que hai determinadas compañías circenses que nos seus programas inclúen números nos que usan animais, unha práctica que cualifican de condutas "portadoras de crueldade".
Aseguran que cando non se atopan actuando, "os animais que se usan nos circos pasan entre un 70 e un 90 por cento do tempo engaiolados e sometidos a un profundo estrés, así como tamén cos seus instintos básicos coartados". Esta situación, din, provoca nos "comportamentos anormais" como automutilación, canibalismo, camiñar en círculo constantemente, apatía ou agresividade.
"Consideramos que é inhumano o confinamento de animais presente nos circos e os demais calvarios que este conleva, así como o feito de arrincalos do seu hábitat", insisten desde este colectivo, que tamén critica o adestramento que padecen, tras o que se agocha "a realidade da violencia, a coacción e o condicionamento para forzar a unha criatura a ter un comportamento ou outro, coa lóxica de que se non asimila e reproduce esas accións, se lle causarán danos físicos".
Neste sentido, A Revira recorda que en diferentes partes do Estado, os concellos xa tomaron medidas contra o emprego de animais nos circos e dende a asociación "queremos instar ao concello de Pontevedra a que faga o mesmo e non consinta un minuto máis o maltrato, a escravitude e o sufrimento de moreas de animais".
Relacionadas:
-
A Revira pide que Pontevedra debata en Pleno a cesión de terreos cando ven o circo
Por Redacción |
-
Protesta ante o circo contra a "escravitude" que supón o uso de animais
Por Diego Espiño |
-
Libera denuncia "tratos degradantes" a animais do circo e o Seprona constata que está "todo en orden"
Por Natalia Puga |