O PSdG provincial pedirá á Xunta tablets para os escolares de Primaria
Por Redacción
O PSdG levará ao próximo pleno da Deputación dúas mocións con senllas reclamacións ao goberno galego. Unha delas en ámbito de educación e concretamente no ciclo de Primaria. O portavoz do grupo provincial socialista, Santos Héctor avanzaba que na devandita iniciativa reclaman que se liquide a "absoluta carencia" que teñen os centros de Primaria na dotación de tablets. Unha medida que engadía, debe ir acompañada da correspondente formación ao profesorado. "A Xunta mira para outro lado, o que supoñerá desvantaxes fronte a outras Comunidades Autónomas", engadía Héctor.
A segunda das mocións previstas para a sesión do 26 de febreiro compendia as queixas recollidas entre veciños da provincia sobre o estado dalgunhas infraestruturas viarias de competencia autonómica. O deputado socialista sinalou concretamente ata seis estradas: a PO-300 en Cambados, a PO-551 en Moaña, a PO-308 ao seu paso por Sanxenxo e Poio, a PO-206 en Vila de Cruces, a PO-400 en Salvaterra e a PO-548 en Vilagarcía. "Trátase de necesidades de melloras do firme, sinalización semafórica, ou tapar buracos para evitar puntos negros existentes", dicía.
A estes enclaves, Santos Héctor, agregou a necesidade de realizar arranxos en pontes e accesos a emprazamentos públicos como a ermida da Lanzada en Sanxenxo, a ponte medieval de Liñares na Estrada ó da ponte Maril de Silleda.